Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O eixo “Ferrol-Tui” suma practicamente o 93% da exportación galega



REDACCIÓN · PUBLICADO O 13 DE NOVEMBRO DE 2018 · (0)



O noso comercio exterior medra un 9,5% os oito primeiros meses do ano, un incremento moi por riba da media española (4,2%). Como é tónica, téxtil e automóbil seguen sendo os principais eixos sumando máis do 47%, aínda que tamén destacan manufacturas e alimentación.


O saldo comercial de Galicia co estranxeiro rexistra un superávit por valor de 2.695 millóns de euros ata agosto, manténdose como a terceira CCAA con maior saldo en verde. A UE sigue sendo o mercado preferente cunha cota do 78% pero aparecen novos espazos de negocio.

Segundo os datos que recolle o Informe Mensual de Comercio Exterior de Galicia que elabora a Dirección Territorial de Comercio e  ICEX en Galicia, no período de xaneiro a agosto o superávit comercial de Galicia co estranxeiro contabilizou 2.695,8 millóns de euros, cunha taxa de cobertura do 121,4%, o que mantén a Galicia no terceiro posto entre as CCAA co maior. A Coruña exporta o 50,3%, Vigo o 42,9%, mentres que Ourense e Lugo achegan o 3,8% e 2,8%.

Na exportación galega foron: manufacturas de consumo (28,9%, o sector téxtil-confección leva case 26 puntos); automóbiles (18,3%) e bens de equipo (13,6%, en gran parte de transporte de mercadorías por estrada) os sectores que tiveron máis incidencia na exportación.  Séguenlle semimanufacturas (13,1%; subsector metálico e químico) e alimentación (13,0%; case 10 puntos de produtos pesqueiros). En conxunto, estes cinco sectores implican practicamente o 87% das exportacións, ademais, hai que destacar o alto dinamismo que mantiveron. Coruña e Pontevedra xa son a cuarta e oitava provincia máis exportadora a nivel nacional.

Destinos

Dentro da zona comunitaria destacan os mercados de Francia (18,7% do total), Portugal (13,6%), Italia (9,8%), Reino Unido (7,1%), Alemaña (5,6%), Bélxica (5,3%), Países Baixos (4,8%) e Polonia (3,2%); tendo tamén unha incidencia crecente Grecia, República Checa, Romanía, Irlanda, Suecia e Eslovaquia (con cotas entre case o 2% e case o 1%). 

Fóra da UE, Marrocos continúa como principal mercado  (co 3,2 % da exportación de Galicia); séguenlle Estados Unidos (2,6%), Turquía (2,2%), México (1,1), Arxentina (0,9%), China (0,9%) e Chile (0,9%); malia que van medrando Brasil, Corea do Sur e Xapón. 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)