Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Concello e Cámara de Santiago premian o uso do galego na empresa



REDACCIÓN · PUBLICADO O 16 DE NOVEMBRO DE 2018 · (0)



Convocan a XIX edición dos Premios Manuel Beiras, uns galardóns que veñen acompañados dunha campaña de promoción que pretende chamar a atención sobre a importancia de que “a nosa lingua sexa tamén empregada como lingua de negocios”.


O alcalde, Martiño Noriega, e o vogal da Cámara de Comercio Xavier Freire presentaron onte a convocatoria, que o Concello e a entidade veñen realizando conxuntamente dende o ano 2000. O rexedor lembrou que “o obxectivo destes galardóns é mostrar os aspectos positivos da comunicación comercial en galego, que se asocia a valores como a proximidade e a confianza”. Ademais, amosouse convencido de que “moitos clientes poden recompensar coas súas decisións de compra aos negocios que se mostran comprometidos co uso da nosa lingua”. Martiño Noriega tamén quixo lembrar a Manuel Beiras, “o histórico comerciante compostelán e destacado loitador da nosa cultura e da nosa lingua, que lle dá nome a estes premios, que deste xeito son ao mesmo tempo unha homenaxe a súa figura”.

Pola súa banda, Xavier Freire salientou que a nova directiva da Cámara de Comercio de Santiago non vacilou e tivo claro desde o primeiro momento o valor desta iniciativa posta en marcha fai 19 anos co Concello de Santiago, “un premio que distingue a vontade e compromiso do empresariado e o pequeno comercio co idioma, un patrimonio fundamental para a actividade comercial”.

Os Premios Manuel Beiras convócanse en dúas categorías: empresas que veñan realizando un uso continuado da lingua galega e compañías que se incorporaran recentemente ao uso do galego. Ademais, pode outorgarse unha distinción especial a unha persoa ou entidade que se destacara pola súa contribución á normalización da lingua no mundo empresarial.

Aos galardóns poden optar empresas radicadas no municipio de Santiago, que poderán presentar directamente as súas candidaturas ou ser propostas por calquera persoa ou entidade. O xurado dos Manuel Beiras estará formado por un representante do Concello, da Cámara de Comercio, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Universidade de Santiago, dunha asociación en defensa da lingua, do Colexio Oficial de Xornalistas, dunha asociación de consumidores, e de cada unha das empresas premiadas na edición anterior.

En 2017, o premio para a empresa cun uso continuado do galego foi para a produtora Illa Bufarda; o galardón para a compañía que se incorporara recentemente ao uso do galego recaeu en Brazolinda, adicada á fabricación de xogos e xoguetes, e a distinción especial do xurado fora para o Colexio de Avogados de Santiago.

A entrega do premio, unha escultura de Acisclo Manzano, terá lugar este ano no Pazo de Raxoi, posto que o Concello e a Cámara de Comercio alternan anualmente tanto a presidencia do xurado como a organización da cerimonia de entrega dos galardóns.

Campaña de promoción

Ao igual que nos dous últimos anos, a convocatoria dos Premios Manuel Beiras vén precedida dunha campaña de promoción que ten como obxectivo dar a coñecer os galardóns e animar a presentación de candidaturas, así como animar ás empresas a comunicárse en galego.

Nesta edición, segundo explicou o alcalde, “quixemos dar un paso máis e construír a imaxe dixital dos Manuel Beiras, cun lugar de referencia para obter información sobre a convocatoria actual e as anteriores”. Para crear expectación ao redor dese recurso “a cidade apareceu nestes días chea de vinilos no chan con textos que decote se utilizan no mundo das empresas escritos en galego, e nos que se podía ler tamén a dirección web traballamosengalego.gal. Esta páxina está redireccionada cara a dos Premios Manuel Beiras, na que se poden atopar as listas de gañadores de edicións anteriores, as bases da convocatoria e numerosos recursos gráficos sobre os galardóns.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)