Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Desta auga si beberei”



REDACCIÓN · PUBLICADO O 27 DE NOVEMBRO DE 2018 · (0)



A Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural desenvolve talleres en colexios de toda Galicia para dar a coñecer aos escolares a orixe da auga mineral natural, o seu valor para a saúde e a súa importancia nesta comunidade autónoma.


Baixo o nome “As augas minerais como recurso mineiro e fonte de saúde”. Agamin ten en marcha este proxecto, que ten como finalidade contribuír a un mellor coñecemento do sector mineiro galego a través da posta en valor da auga mineral natural como recurso. No marco desta iniciativa e co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria, vaise iniciar unha campaña de sensibilización entre os escolares da comunidade, que arricará co desenvolvemento de talleres en catro colexios de Galicia, un por provincia, e que se ampliará a máis centros educativos ao longo de 2019.

O primeiro destes talleres celébrase en Verín, no CEIP Princesa de España, para alumnos de cuarto de Primaria, e o xoves terá lugar o seguinte en Santiago de Compostela, no Colexio Compañía de María, nesta ocasión dirixido aos alumnos de sexto. O venres o taller achegarase a Sarria, ao CEIP Frei Luís de Granada, para que os rapaces de quinto e sexto poidan os valores da auga mineral galega, e o 4 de decembro estará en Baiona, no CEIP de Fontes-Baíña, con escolares de terceiro e cuarto de Primaria.

Aos rapaces entregaráselles o libro “Unha gota é un océano”, de Auga Editora, xunto a material didáctico que lles permitirá achegarse a este recurso de xeito práctico. En vindeiras datas estes talleres complementarase con visitas didácticas do profesorado e alumnado participante a unha planta embotelladora próxima a cada centro educativo.

Os escolares terán a oportunidade de valorar a auga mineral natural como un elemento de especial singularidade de Galicia, fonte de saúde e de riqueza, equilibrado co coidado ao medio e a protección da contorna dos acuíferos. Afondarán na condición e orixe mineira das augas minerais naturais, e incidirase nos beneficios que a explotación racional deste recurso ten para a poboación e para o desenvolvemento económico das comarcas nas que se sitúan as envasadoras.

Singularidade

Con estes talleres, os rapaces coñecerán que un dos principais rasgos que diferencia a auga mineral natural doutro tipo de augas é a súa composición constante. Na súa longa viaxe a través da montaña, a auga da chuvia e da neve adquire unha serie de minerais e oligoelementos que lle achegan a súa singularidade. Logo recala nun acuífero libre de contaminación e a temperatura constante, o tempo de permanencia e a profundidade permiten que non haxa dúas augas minerais iguais. Directamente do acuífero envásase nunha botella e, de xeito natural, mantén a súa composición constante.

Nestes talleres farase especial fincapé no feito de que a orixe subterránea da auga mineral protéxea de xeito natural de calquera risco de contaminación, mantendo intacta a súa pureza orixinal. As empresas de augas envasadas encárganse de protexer a contorna natural dos acuíferos, co fin de evitar agresións do exterior que poñan en perigo a pureza das augas e se poida alterar o equilibrio natural alcanzado durante o paso dos anos ou mesmo dos séculos. E, para preservar a súa pureza, a auga envásase ao pé do manancial. Non require ningún tratamento químico para o seu consumo, nin se lle engade cloro. Chega ao consumidor directamente tal como está na natureza, conservando as súas propiedades saudables, a súa composición en minerais e a súa pureza orixinal.

A auga ten a singularidade de que é o único recurso mineiro que non se pode esgotar nunca, de aí a importancia da eficiente xestión dos acuíferos subterráneos, o que implica coidar a contorna para evitar agresións externas, pero tamén a utilización racional do volume de auga que se consume. Así, a xestión correcta do acuífero como almacén natural regulador da auga que se beberá é unha prioridade absoluta das empresas envasadoras, que teñen a particularidade de que crean riqueza e emprego nas zonas nas que brotan os mananciais.

Consumo responsable

Este proxecto ten ademais un carácter sensibilizador, xa que se reflexiona sobre a importancia do uso axeitado da auga. Nesta liña, abordaranse os hábitos de consumo responsable e expoñeranse recomendacións para a mellora do seu uso. Os nenos aprenderán unha serie de trucos para aforrar auga no colexio e nos seus fogares.

A Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural (Agamin) creouse no ano 2011 para defender os intereses sectoriais, fomentar a mellora das empresas, a realización de accións formativas e de mellora ambiental e, en particular, para a promoción do sector das augas minerais naturais de Galicia. Xunto á Asociación de Balnearios de Galicia, constitúen o Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia. Está integrada por seis empresas de auga mineral natural. Da provincia de Lugo están representadas Aguas de Cospeito, situada no concello de Cospeito, e Fontecelta, en Sarria. Da provincia de Ourense están Cabreiroá e Aguas de Sousas, ámbalas dúas en Verín. E na provincia de Pontevedra atópanse Agua Sana, en Baiona, e Sanxinés, en Vilagarcía de Arousa. O conxunto destas empresas ofrece na actualidade 200 postos de traballo directos e 275 indirectos, e conta cunha produción de 325 millóns de litros en 2017, o que representa o 5% do sector nacional.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)