Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Coñecer a Constitución, a mellor forma de celebrar o seu 40 aniversario



REDACCIÓN · PUBLICADO O 28 DE NOVEMBRO DE 2018 · (0)



O colexio Apóstolo Santiago da capital galega acolleu unha celebración anticipada do 40 aniversario da Constitución española. A conselleira de Educación e o secretario xeral de Política Lingüística participaron onte coa comunidade educativa nunha xornada de celebración que incluíu a presentación dunha unidade didáctica sobre a Carta Magna para estudantes de infantil


A conmemoración reuniu no CEIP Apóstolo Santiago de Compostela a case un centenar de alumnas e alumnos de infantil e primaria xunto co seu profesorado, que asistiron a unha pequena representación teatral baseada na Constitución e no que representa para a historia democrática de España.

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, xunto ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participaron na celebración do 40 aniversario da Constitución española, que se conmemora o próximo 6 de decembro. Ademais de asistiren a unha pequena representación teatral baseada na Constitución, a conselleira explicou a importancia deste tipo de iniciativas para que os máis pequenos coñezan a importancia da Constitución, contribuíndo así a inculcarlles valores como a liberdade, a responsabilidade, a solidariedade ou a tolerancia, "que practicaredes e compartiredes e que permitirán unha convivencia pacífica entre todos nós".

Pola súa banda, Valentín García incidiu na importancia que tivo o feito de que a Constitución de 1978 recoñecese “o valor da riqueza lingüística de España, considerada obxecto de especial protección”, e de que a nosa lei fundamental lle abrise a porta “á cooficialidade do galego co castelán que recolle o noso Estatuto de autonomía”. “Cooficialidade que garantiu por primeira vez os dereitos dos galegofalantes, a igualdade e a non-discriminación por razón da lingua das que hoxe gozamos”, remarcou.

Os escolares presentes recibiron, ademais, unha unidade didáctica sobre a Carta Magna elaborada para esta conmemoración, que lles achegará aos máis cativos a súa relevancia e os principais contidos da mesma de forma sinxela e amena. Pensada para traballar nas aulas, a unidade aborda preguntas como que é unha constitución e para que serve, os contidos básicos da de 1978 e os valores que establece como modelo de sociedade no que atinxe á liberdade, pluralismo, participación, responsabilidade, igualdade, tolerancia e solidariedade. Así mesmo, faise un primeiro achegamento ás institucións básicas do Estado e aos dereitos e deberes fundamentais que recolle esta norma básica, entre outras cuestións.

"Terrícolas, igualiños, igualiñas" 

O obxectivo deste documento, que está accesible para a súa descarga de balde desde o Portal da Lingua Galega e que se agasallará na nova actividade "Terrícolas, igualiños, igualiñas" que chegará a oito centros de ensino e a oito concellos da Rede de Dinamización Lingüística, é que o alumnado de infantil e primaria tome conciencia da existencia dunha Constitución que marca os valores básicos da sociedade que nos identifican como persoas e como cidadáns e cidadás. 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)