Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

25 anos de ilusión por un proxecto



REDACCIÓN · PUBLICADO O 28 DE NOVEMBRO DE 2018 · (0)



A Área Empresarial do Tambre distingue a traxectoria de sete empresas asociadas durante os últimos 25 anos: Porto Actual, Carpintería Metálica As Pontes, Comercial Suárez, Louzán, Pibatex, Pauga e DST Software.


A entidade celebrará o acto de homenaxe o vindeiro mércores, 5 de decembro, no salón de actos da súa sede do Centro Empresarial do Tambre, a partir das 20.00 horas. Fará entrega aos homenaxeados dun pergameo acreditativo e un pequeno agasallo. O evento estará presidido polo presidente de Aepit, Jesús Chenel na imaxe principal, e contará coa asistencia de diversas autoridades autonómicas e locais e representantes de asociacións empresariais, como o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; a concelleira de Promoción Económica de Santiago, Marta Lois; os representantes municipais do BNG, Goretti Sanmartín e Rubén Cela; a secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago, Rosa Cardeso, ou o comisario da Policía Nacional de Santiago Félix García, entre outros. No transcurso do acto, presentado pola xornalista Paula Pájaro, celebrarase unha charla que ofrecerá o consultor empresarial José Manuel Ortigueira Bobillo, titulada “Orientacións estratéxicas da Área Empresarial Compostela”.

Ademais das empresas distinguidas asistirán, ao acto Javier Porto, xerente de Porto Actual (Alfredo Porto García y Otros Dos); Santiago Rey, de Carpintería Metálica As Pontes; o xerente de Comercial Suárez, Lino Suárez; da empresa Louzán, Héctor Louzán; o copropietario de Pibatex Enrique Pintos; o xerente de Portas e Automatismos de Galicia (Pauga), Moisés Rodríguez, e o socio director de DST Software, Manuel Nieto.

Con esta homenaxe, a asociación distingue a capacidade de traballo que, durante ao menos 25 anos, veñen realizando as sete empresas dende as súas naves no Polígono do Tambre. Segundo Jesús Chenel, esta acto multitudinario celébrase para enxalzar as particularidades de cada empresa e o seu bo facer, pero sempre destacando os “ingredientes comúns” que comparten todas as compañías, como son ilusión, esforzo e colaboración.

“As empresas mostran ao longo da súa traxectoria a ilusión por construír, por ver nacer e medrar o seu proxecto e consolidalo ou mesmo transmitilo a outra nova xeración, unha evolución alcanzada grazas a un gran esforzo na procura da competitividade, o mantemento da confianza dos clientes e un afán por innovar e reinventarse ano tras ano”, explica Chenel.

As empresas homenaxeadas

Porto Actual (Alfredo Porto García y Otros Dos). Adícase á fabricación de xoiería galega, eido no que ten máis de 25 anos de experiencia. Baixo a xerencia de Javier Porto, que tamén dirixe o departamento de produción, e a dirección comercial e de vendas de Alfredo Porto, co apoio para Andalucía de José Manuel de los Santos, a empresa ofrece unha ampla gama de produtos e servizos a uns prezos moi competitivos e da máxima calidade. O seu taller, situado na Cidade do Transporte do polígono do Tambre, ten como obxecto o deseño, fabricación e distribución de xoiería en prata e ouro e pedras preciosas e semipreciosas a nivel nacional. Fundada en 1993, a orixe da empresa está ancorada na tradición xoieira dos talleres artesanais onde os seus propietarios aprenderon o oficio de nenos, aínda que despois adquiriron formación superior universitaria.

Carpintería Metálica As Pontes. Nos seus 28 anos de experiencia no sector metalúrxico, esta empresa, no número 34 da vía Pasteur do polígono compostelán, está especializada na construción de estruturas, decoración industrial e soldaduras en diferentes materiais, como son o inox, o ferro ou o aluminio. O seu administrador Santiago Rey García e o seu fillo Santiago Rey Fraga, que actualmente está ao fronte da empresa, dirixen unha nave de case 2.000 metros cadrados destinados a oficina técnica e talleres, con maquinaria nova e actualizada dispoñible para os doce empregados que conforman o cadro de persoal. Fabrican elementos a medida, dende mesas ata estruturas de diferentes tamaños. Durante a súa traxectoria, a empresa desenvolveu proxectos de grande envergadura no centro comercial Área Central, na Catedral de Santiago ou actualmente no paseo marítimo de Vilagarcía de Arousa.

Comercial Suárez. Distribúe dende hai 30 anos produtos para hostalaría, colexios e colectividades de Nestlé Professional. Xunto a esta multinacional, ofrece cada día soporte loxístico a restaurantes, cafeterías ou servizos de vending, para que os profesionais da hostalaría poidan dedicar máis tempo e atención ao servizo dos seus clientes. O seu xerente, Lino Suárez Otero, explica que a empresa foi constituída en 1988 e actualmente conta con cinco empregados que distribúen os mellores produtos de Bonka e Nestlé nas provincias de A Coruña e Pontevedra. A distribuidora leva produtos con selo Nestlé: cafés Bonka, cafés Nescafé, cacao Nesquik, chocolatinas, siropes, tomate frito Solís, puré de patacas Maggi, entre outros.

Louzán. Fundada na década dos anos 40 por Jesús Louzán, que comezou reparando e recauchutando rodas nun pequeno baixo de Porriño, conta na actualidade cunha rede de dez talleres propios nas principais cidades de Galicia, entre eles o de Santiago na vía Faraday 8 do Polígono do Tambre; un en Porto e unha tenda de distribución de recambiosna Coruña. Tras facer unha reconversión nos anos 60 para estender o negocio a outras rexións –Asturias, León e País Vasco–, onde vendía o pneumático recauchutado a talleres que o revendían e montaban aos transportistas dos seus respectivos territorios, a mediados dos 80, introduce en Galicia o recauchutado en frío. Así mesmo, a empresa empeza a crear a súa propia rede de talleres de pneumáticos, co obxecto de vender directamente ao usuario final. Hoxe en día a súa actividade ampliouse para ofrecer servizos de mecánica rápida, tanto para turismos como camións, sendo unha das 15 primeiras do sector dos pneumáticos a nivel nacional por volume de facturación.

Pibatex. Aínda que a compañía naceu en 1993, a súa historia e traxectoria se remonta á bisavoa dos seus actuais propietarios, que xa en 1936 iniciaba a xestación deste negocio. Adicada á comercialización de artigos téxtiles para o fogar, actúa como intermediaria entre os fabricantes e os minoristas do sector. Dende o seu almacén, situado na vía Faraday, 37, vende a minoristas do sector téxtil para o fogar alfombras, sabas, mantas, colchas, edredóns, nórdicos, cortinas, toallas, panos de cociña ou manteis. Tamén están especializados no sector hostaleiro, personalizando coas súas marcas as roupas dos seus establecementos, e asesorándoos cos mellores produtos.

Portas e Automatismos de Galicia (Pauga). É o distribuidor oficial de Hörmann en Galicia, fabricante líder europeo no mercado de cerramentos (portas, cercos e motorizacións), que desenvolve solucións propias patentadas para cumprir coas normativas de seguridade, satisfacendo desde hai anos todas as esixencias da normativa europea. Ten a súa sede central na vía La Cierva do Polígono do Tambre, aínda que dispón de delegacións na Coruña e Lugo. A empresa, administrada e dirixida por Moisés Rodríguez, subministra e instala para toda Galicia unha ampla gama de produtos Hörmann, garantindo tanto o produto como o asesoramento do seu departamento comercial, así como a súa posta a punto a través de técnicos especializados. A empresa conta con instaladores propios con formación especializada e acreditada por Hörmann.

DST Software. A súa actividade céntrase en achegar as mellores solucións informáticas para a industria e o comercio da pequena e mediana empresa galega, e está especializada en proxectos complexos onde debe coordinarse tecnoloxía, comunicacións, sistemas e persoas. Constituída en 1983 por Raimundo Horjales e Manuel Nieto, ofrece servizos integrais orientados ás empresas, tanto para industrias como para a distribución, minorista e maiorista, mobilidade, auto venda, comunicacións, comercio electrónico ou SAAS, e ofrece solucións de xestión e de seguridade de accesos. DST foise adaptando á demanda empresarial e hoxe en día dispón dunha contrastada gama de produtos ao que suman o soporte excepcional prestado por algúns provedores de recoñecido prestixio internacional: IBM, Microsoft, QS, Zebra, KABA, Acronis, DELL- SonicWall, BI4Web, Ahora ou Therefore.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)