Publicidade

istoelecer


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Ábrese o prazo para presentar candidaturas ao novo premio Ramiro Carregal de Cardioloxía



REDACCIÓN · PUBLICADO O 09 DE XANEIRO DE 2019 · (0)



Até o 22 de marzo estará aberto o prazo para presentar candidaturas ao I Premio Internacional de Investigación en Cardioloxía “Enfermidades valvulares cardíacas Ramiro Carregal”. O galardón, dotado con 20.000 euros, pretende contribuír a “xerar novo coñecemento en patoloxías que afectan as válvulas do corazón". 


O novo galardón nace ao amparo do acordo asinado o pasado outono entre o presidente de Frinsa, Ramiro Carregal, e os responsables da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, Eloína Núñez en calidade de presidenta e o Dr. José Ramón González Juanatey como xefe do Grupo de Investigación en Cardioloxía do IDIS.

O premio, de carácter anual, conta cunha dotación económica de 20.000 euros, ademais de galardón acreditativo. O obxectivo do mesmo é “recoñecer o labor dos investigadores e clínicos que traballan na procura dun mellor tratamento das patoloxías que afectan as válvulas cardíacas”, explica o Dr. Juanatey, presidente de honra do Tribunal, que está composto por destacados membros da comunidade científica, académica e investigadora.

Xunto co Dr. Juanatey forman parte do Xurado o Dr. Borja Ibáñez, investigador do CNIC, xefe de grupo no recentemente creado CIBER de enfermidades cardiovasculares e cardiólogo intervencionista na Fundación Jiménez Díaz; o Dr. Pedro Luis Sánchez, cardiólogo na Unidade Coronaria do Hospital Gregorio Marañón e profesor de Medicina na Universidade Complutense de Madrid; o Dr. José Luis Ferreiro, cardiólogo do Hospital Universitario de Bellvitge e director do Laboratorio de Investigación Cardiovascular do Instituto de Investigación Biomédica de Bellvitge (Idibell); e a Dra. Almudena Castro, coordinadora da unidade de prevención e rehabilitación de Cardioloxía no Hospital Universitario La Paz, onde preside o comité ético de Investigación Biomédica; é tamén presidenta da sección de Risco Vascular e Rehabilitación cardíaca da Sociedade Española de Cardioloxía, ademais de coordinadora nacional do Proxecto Mimocardio da SEC e do EuroApire IV da Sociedade Europea de Cardioloxía.

Candidaturas e selección

Poden presentarse a este Premio investigadores básicos ou clínicos que desenvolvan a súa actividade “en centros sanitarios e/ou centros de investigación, públicos ou privados de Galicia, España ou calquera parte do mundo”. Para iso tan só terán que cubrir os modelos de solicitude dispoñibles na páxina web premioramirocarregal.com. Trátase dun documento explicando o proxecto e outro cos CV resumido do investigador principal e/ou grupo de investigación, ademais dunha declaración escrita comprometéndose a recoller o galardón persoalmente en caso de resultar premiado.

As propostas, que deben ser orixinais e ter un carácter claramente innovador e aplicado poderán presentarse até o próximo 22 de marzo directamente a través da citada web do Premio, no correo electrónico cardiologia@premioramirocarregal.com ou enviándoas ao Apartado de Correos 50 de Santiago de Compostela.  

Xerar coñecemento ao redor das válvulas cardíacas

O Dr. González Juanatey explicou que o obxectivo do Premio é “xerar novo coñecemento en patoloxías que afectan as válvulas do corazón, que supoñen xa a terceira causa de enfermidade cardíaca”. Segundo indicou na presentación do Premio, estas patoloxías están moi ligadas ao envellecemento –especialmente a estenose aórtica–, polo que supoñen “un auténtico problema de saúde”.

O xefe do Servizo de Cardioloxía do CHUS indicou que “en maiores de 80 anos, o 5 % da poboación ten patoloxía aórtica e o 20 % destes necesita algún tipo de intervención cirúrxica ou percutánea”, polo que é necesario investigar sobre as causas, a prevención, o diagnóstico e o tratamento destas patoloxías co fin de poder abordalas mellor.

“Na próxima década viviremos unha revolución absoluta das enfermidades das válvulas do corazón”, indicou o Dr. Juanatey, referente mundial no tratamento das enfermidades do corazón. E este premio pretende “contribuír a esa revolución e lograr que teña lugar canto antes”, engade o empresario e mecenas Ramiro Carregal, quen asegura sentirse “honrado” por poder pór o seu “graniño de area” nalgúns dos grandes retos que afronta a medicina actual.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)