Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Santiago clama por unhas “urxencias dignas”



REDACCIÓN · PUBLICADO O 10 DE XANEIRO DE 2019 · (0)



Arredor de 2.500 persoas, segundo os datos da Policía Local, manifestáronse na tarde de onte en Compostela pola situación da sanidade pública. Convocada polo comité de folga de urxencias do CHUS, a marcha percorreu varias rúas da cidade tras unha pancarta na que se lía “Por unha sanidade pública de calidade. Urxencias dignas xa!!”.


Os manifestantes convocados na tarde de onte na capital galega denunciaban a “falta de medios” na sanidade pública galega, especialmente a falta de persoal no servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), cuxo persoal leva xa dous meses con mobilizacións para reclamar máis medios técnicos e humanos. 

O presidente da Comisión de Centro do CHUS, Camilo Agulleiro, recordaba onte que os traballadores piden ter persoal adaptado ao número de padiolas existente para que non se repitan os “colapsos” reiterados no servizo. Insistiu en que non se trata dunha “reclamación” salarial nin piden unha suba, só “humanos para prestar unha atención máis áxil e eficiente nunhas condicións dignas tanto para traballadores como para usuarios”.

Agulleiro anunciou que o vindeiro luns os traballadores votarán a última proposta trasladada pola xerencia do hospital que, a título persoal, considera “moi afastada” das reivindicacións. Precisamente a xerente da área sanitaria de Santiago, Eloína Núñez, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, estiveron moi presentes onte na marcha compostelá, pois foron os protagonistas de boa parte das proclamas que os manifestantes berraron no seu percorrido polas rúas compostelás ata a Praza das Praterías onde o atleta Pedro Nimo leu un manifesto.

Na marcha participaron o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero; a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; e varios membros de En Marea, entre eles a súa voceira de Sanidade no Parlamento galego, Eva Solla.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)