Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Aresa premia á agricultura ecolóxica



REDACCIÓN · PUBLICADO O 11 DE XANEIRO DE 2019 · (0)



O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia gaña a XIX edición do Premio Aresa polo desenvolvemento dun proxecto multisectorial e o seu destacado papel para a expansión da agricultura ecolóxica.


O xurado, integrado polo reitor da Universidade de Santiago, Antonio López Díaz; a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; o ex director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva Rodríguez; o director xeral de Capsa Food, José Armando Tellado Nogueira –a través de videoconferencia–, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, reuniuse onte para avaliar as dez candidaturas presentadas e deu a coñecer o nome do galardoado nunha conferencia de prensa celebrada no vicerreitorado do Campus lucense. Finalmente a vencedora desta décimo novena edición do Premio Aresa foi o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega.

Seguindo as bases do concurso, os membros do xurado prestaron especial atención a aquelas candidaturas que xerasen postos de traballo de calidade no rural, que puxesen en valor os produtos da terra, que recuperasen subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais con potencial para desenvolverse e que buscasen innovar en produtos e métodos produtivos. Neste senso, Montserrat Valcárcel afirmou que “a candidatura foi elixida por unanimidade por cumprir con todos os requisitos do Premio”.

Pola súa banda, José Manuel Silva destacou as tres razóns principais polas que se decantaron por este galardoado: “Facer que a agricultura ecolóxica sexa un dos motores do desenvolvemento rural, cunha especial resposta á demanda de consumo en Galicia; defender un proxecto de control e regulación da produción de maneira multisectorial, e lograr que a agricultura ecolóxica sexa unha das causas principais para a maior implantación de mozos no mundo rural e agrario”.

Agradecementos

O presidente do Grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, agradeceu a todos os membros do xurado o seu traballo e esforzo para tomar a decisión acertada. Resaltou a presenza por primeira vez do reitor da USC e da vicerreitora do Campus de Lugo e agradeceu de maneira especial que José Manuel Silva e José Armando Tellado aceptasen a proposta de estar no xurado desta edición.

López Díaz respondeu que “foi toda unha satisfacción participar desta experiencia” e subliñou que “iniciativas como as do Premio Aresa responden perfectamente á relación que debe ter a universidade coa sociedade”. Ademais, o reitor da USC recoñeceu a calidade do resto de propostas presentadas: Asoporcel, Galo Celta, Atelier Bisqato, a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida DOP Cebreiro, Miceltia, o sistema de deshidratación alimentado por enerxía solar para produtos agroalimentarios, a Cátedra do Pan e do Cereal, e o Proxecto H2GZ Raising Water Para e Por Galicia.

O Craega será dotado con 10.000 euros e recibirá o seu diploma e os honores correspondentes nunha gala que terá lugar o 8 de marzo de 2019.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)