Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

UGT denuncia que o 31,3% dos traballadores en Galicia é pobre



REDACCIÓN · PUBLICADO O 31 DE XANEIRO DE 2019 · (0)



O Comité Nacional do sindicato reuniuse onte en Teo para analizar a situación actual e lamentou que ter hoxe un emprego na comunidade autónoma non é sinónimo de saír da pobreza, xa que un terzo dos traballadores ten un soldo inferior ou igual ao salario mínimo interprofesional.


A principal conclusión da reunión de onte é que a economía vai pero só para unha minoría, porque as familias traballadoras ven como a recuperación non lles chega. Isto fai que a cidadanía anhele un cambio de rumbo na senda da recuperación de dereitos laborais e un fortalecemento do Estado de Benestar e dos servizos públicos esenciais.

Segundo UGT Galicia, a realidade galega contextualízase cun PIB que medra a un ritmo do 0,6% no terceiro trimestre de 2018, en termos intertrimestrais. Esta mellora en termos macroeconómicos contrasta con outra realidade: unha sociedade cada vez máis envellecida, cunha redución de 190.000 mozos (entre 20 e 34 anos) dende o ano 2008 e cunha taxa bruta de natalidade que non supera os sete nacementos por cada mil habitantes.

Ademais, indica que 170.000 persoas seguen en situación de desemprego e dende comezos da crise se cifra en 124.000 os empregos perdidos en Galicia, perdendo a décima parte da ocupación. A precariedade dos fogares galegos é máis que evidente, 54.200 fogares con todos os seus membros activos no paro (en 2009, xa en crise, esta cifra era de 44.800); a taxa de cobertura por desemprego é de tan só o 56,3% (70% no 2011) e esta é de carácter maioritariamente asistencial; o 49% dos desempregados no perciben prestacións; e hai 27.000 fogares nos que non entran ingresos. Isto, segundo o sindicato, dá unha clara visión dos riscos de pobreza e exclusión social que asolagan a moitas familias galegas.

Por outra banda, critica que os traballadores galegos seguen perdendo peso no reparto da renda. Se en 2008 a remuneración do persoal asalariado representaba o 46,9% do total, no último trimestre de 2018 o peso baixa ao 42,7%, basicamente pola perda de emprego e contención salarial. Pola contra o empresariado, a pesar dos anos de crise, pasa dun peso do 45% en 2008 ao 47,6% en 2018. Este escenario, segundo denuncia, conduce a unha taxa de risco de pobreza ou exclusión social que en Galicia afecta xa ao 22,6% da súa poboación.

Traballadores pobres

O sindicato tamén expón que, aínda que é certo que o emprego mellora en termos cuantitativos, ter un posto de traballo xa non saca ás persoas de risco de pobreza ou exclusión social, xa que 321.120 asalariados galegos, o 31,3% do total, teñen un salario medio inferior ou igual ao SMI. Neste contexto, denuncia que a Xunta, cos seus Orzamentos para 2019 presenta unha liña continuísta e segue na senda da supeditación ás esixencias financeiras. “A Xunta non recupera o orzamento en emprego previo á crise. En 2008 este era de 378,7 millóns de euros e en 2019 será de 263 millóns, con 124.000 empregos menos e 52.300 desempregados máis”, engade.

Para UGT-Galicia, estes orzamentos deberían apostar claramente pola xeración de emprego de calidade, apostar polo tecido produtivo e a súa diversificación e polo reforzamento dos servizos públicos e a protección social. “Chegou o momento de mudar en Galicia as políticas económicas co fin de consolidar un novo modelo de crecemento máis equilibrado e sostible que xere emprego e diminúa as desigualdades”, conclúe.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)