Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Os desempregados galegos maiores de 55 anos medran máis do dobre na última década



REDACCIÓN · PUBLICADO O 04 DE FEBREIRO DE 2019 · (0)



Son 23.500 e representan xa o 15,8% das persoas que buscan emprego, cando en 2008 se contabilizaban 11.100 e supoñían o 8,7% do total de parados. O envellecemento poboacional é a principal causa que subxace detrás deste incremento.


Os datos da última EPA reflicten un novo descenso xeralizado no número de desempregados en Galicia, que tamén experimentaron os profesionais de máis idade aqueles que superan os 55 anos. Se no último trimestre de 2017 se contabilizaron 28.000, o pasado ano pechou con 23.500. Poderiamos quedarnos unicamente con esta redución, que reflicte unha tendencia positiva; sen embargo, se analizamos os datos con perspectiva, a EPA revela novos sinais que permiten realizar unha reflexión máis exhaustiva con respecto á evolución dos seniors no mercado da última década.

En primeiro lugar, e mentres a nivel rexional o número de desempregados se incrementou un 16,6% con respecto a 2008, no caso dos maiores de 55 anos a cifra medrou a un nivel superior, do 111,7%. Segundo unha análise realizada pola Fundación Adecco, a causa que subxace detrás deste incremento é fundamentalmente o envellecemento poboacional, pero tamén existen outras como un aumento progresivo da súa taxa de actividade e un desemprego de longa duración que tende a cebarse cos maiores.

O estudo tamén indica que, a pesar do maior peso dos seniors no emprego, is da metade dos reclutadores (52%) admite descartar automaticamente os currículos destes profesionais. Neste contexto, Francisco Mesonero, director xeral da Fundación Adecco cualifica de “obsoleta e incoherente” a discriminación laboral aos profesionais de máis idade. “Non só é un contrasentido demográfico, senón que supón unha merma de competitividade para as empresas que, ao renunciar a este talento experto, se están pechando a un público estratéxico, cada vez máis numeroso”.

Necesidade imperante

Ademais, Mesonero alerta do “grave perigo que a discriminación por idade supón para o noso estado do benestar”, sobre todo “nunha sociedade envellecida, onde o relevo xeracional é deficitario”, polo que “a contratación de maiores de 55 anos se converte nunha necesidade imperante”. “Están en xogo as nosas máis preciadas conquistas sociais e a mensaxe non pode ser máis clara: as pensións non estarán garantidas sen natalidade nin emprego senior de calidade”, engade.

Por todo iso, o director xeral da Fundación Adecco conclúe que “o empoderamento dos seniors ten que ser un asunto de Estado: os poderes públicos deben actualizar as políticas activas de emprego para equiparar aos maiores de 55 anos cos máis novos en materia de formación, de modo que a súa experiencia se converta nun valor engadido”.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)