Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

As bondades de Internet



REDACCIÓN · PUBLICADO O 05 DE FEBREIRO DE 2019 · (0)



O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia imparte hoxe dúas charlas nas Aulas CeMIT de Celanova e Leiro, en Ourense, para conmemorar o Día da Internet Segura e concienciar sobre a necesidade de investir en ciberseguridade.


Con motivo desta celebración, promovida pola rede Insafe/Inhope co apoio da Comisión Europea, o presidente do Cpeig, Fernando Suárez na imaxe, alerta ás empresas para que estean preparadas ante un posible ciberdelito, que, segundo destaca, “actualmente xera máis diñeiro que o tráfico de drogas”.

Para salientar o carácter positivo de Internet, o lema de 2019 é “Unha Internet mellor comeza contigo: convivindo con respecto para unha Internet segura”. O obxecto da efeméride é impulsar cambios positivos e concienciar sobre a seguridade en Internet, coa finalidade de alcanzar “unha Internet mellor” e convertela nun espazo no que todas as persoas e entidades –nenos e mozos, país e titores, profesores, traballadores sociais, empresas ou institucións e responsables políticos– fan uso da tecnoloxía de maneira responsable, respectuosa, crítica e creativa.

En concreto, o presidente do Cpeig destaca que se debe facer fincapé na importancia da ciberseguridade, privacidade e o uso seguro das TIC na contorna dos menores, co obxecto de protexer a súa reputación e a dos demais. “Os pais ou titores deben manter un diálogo aberto cos seus fillos, educándoos no uso seguro e positivo da tecnoloxía e actuando como referentes de comportamento dixital”, sinala.

Ademais, o colexio, como aliado dixital do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, colabora nas actividades programadas pola Rede CeMIT no Día da Internet Segura. Voluntarios colexiados do Cpeig impartirán hoxe dúas charlas na provincia de Ourense. Iván Luis Vázquez impartirá a charla na Aulas CeMIT de Celanova (Parque As Triguerizas, s/n) a partir das 12.00 horas, e Julio Mosquera a actividade na Aula CeMIT de Leiro (rúa Padre Eiján, s/n) ás 12.00 horas.

Recomendacións

Aproveitando a celebración internacional desta efeméride, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia asegura que conectarse a Internet de forma máis segura é posible, aínda que se deben tomar unha serie de precaucións, tanto as persoas adultas como os máis pequenos:

Instale un bo antivirus. É unha ferramenta imprescindible para un correcto funcionamento dos equipos cando estean conectados a Internet. E na era dos móbiles, as solucións de antivirus tamén deben exportarse a estes dispositivos para facer fronte ás continuas ameazas dirixidas aos usurarios.

Actualice puntualmente os seus equipos. De forma habitual xorden ameazas e non queda máis remedio que instalar as actualizacións ou parches de seguridade en canto estean dispoñibles. É unha boa óptima de protexerse contra virus, ameazas e vulnerabilidades de última xeración.

Use contrasinais e sistemas de protección seguros. Cada vez estamos rexistrados en máis páxinas e servizos. Lembre que os seus contrasinais teñen que ser distintos para cada un dos servizos. É importante tamén usar claves complexas, que conteñan minúsculas, maiúsculas, números e letras. Como método de axuda, pódese usar un xestor de contrasinais para manexar todas as claves con máis comodidade.

Engada controis parentais. Os máis pequenos tamén se conectan a Internet. Así que deben estar advertidos sobre as ameazas que poden atoparse en liña. É importante axudalos a distinguir entre páxinas e ofertas enganosas, das que non o son. Os controis parentais poden resultar moi útiles para impedir que nenos e adolescentes accedan a sitios web inapropiados. Tamén están indicados para limitar o tempo que pasan conectados á rede.

Use as redes sociais con cabeza. Os usuarios de redes sociais deben ter coidado co que comparten nelas, xa que non é conveniente compartir información persoal, incluíndo imaxes privadas, direccións postais ou números de teléfono, levando un control exhaustivo das amizades e en redes sociais.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)