Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O valedor do Camiño chega a Italia



REDACCIÓN · PUBLICADO O 07 DE FEBREIRO DE 2019 · (0)



Doce estudantes da universidade de Cagliari, baixo a dirección da profesora Daniela Zizi, participaron na tradución ao italiano do libro de Luís Celeiro, Elías Valiña, o valedor do Camiño cuxas primeiras edicións en castelán e galego viron a luz no ano 2007. O autor destaca o feito de recuperar e difundir a figura de Valiña como gran revitalizador do Camiño de cara ao próximo Xacobeo.


Editado pola Asociación de Xornalistas e Estudosos do Camiño de Santiago (Apecsa) e por Bolanda, coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo, este novo título supón a terceira edición da obra, publicada por primeira vez en 2007 pola Xunta de Galicia en conmemoración do 20 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural de Europa. Nesta ocasión, xusto cando se cumpren 25 anos do Xacobeo 93, o autor da obra, o profesor e xornalista Luís Celeiro, agarda que Elías Valiña, il paladino del Cammino (1959-1989) sirva para reivindicar o labor do gran revitalizador do Camiño de cara á próxima gran cita do ano 2021.

O director de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela aproveitou a presentación desta nova edición en Compostela para dedicar a publicación “a todos os que traballan polo Camiño, aos peregrinos de todas as partes do mundo, aos homes e mulleres que camiñan, calquera que sexa a razón, cara a Santiago de Compostela. Tamén aos que coidan do Camiño como un espazo de comunicación en liberdade, de pensamento e de reflexión”.

Reivindicar o labor dos que fixeron do Camiño o que hoxe é

Ese foi, precisamente, o gran labor do protagonista da obra, Elías Valiña, considerado “o máis importante revitalizador do Camiño de Santiago na segunda metade do século XX”. Mais o propio Luís Celeiro ten moito que ver nese labor recente xa que foi un dos grandes artífices do fenómeno Xacobeo e, por tanto do enorme éxito que arestora vive o Camiño de Santiago xunto a Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, promotor do Xacobeo de 1993 que na presentación deste libro destacou a importancia do traballo de Elías Valiña na sinalización coas “frechas marelas”, e como responsable da “internacionalización do Xacobeo” e da dinamización cultural e económica “dos lugares de influencia do Camiño de Santiago”.

Transcendencia na contorna italo-falante

Ademais de dar a coñecer a transcendencia do Camiño na contorna do espazo italo-falante, esta edición serviu para vincular o culto internacional ao apóstolo Santiago coa veneración local que se mantén na illa de Cerdeña. De feito, como explica Daniela Zizi, “existe unha boa cantidade de poboacións sardas que teñen a Santiago como patrón local” e de cuxa festividade e celebración se derivan interesantes rituais tradicionais, tanto relixiosos como festivos.

Zizi, profesora de Lingua e Tradución Española da Universidade de Cagliari, foi a directora deste proxecto didáctico no que participaron doce estudantes “altamente cualificados” do grao Traduzione Specialistica dei Testi, xunto ao director do Departamento de Filoloxía Clásica, Francesa e Italiana da USC, Francisc Buono. Grazas ao seu traballo, Celeiro agarda que se universalice a figura de Elías Valiña e do Camiño de Santiago “na súa dimensión máis ligada á investigación”.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)