Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Os peninsulares temos un 10% de ascendencia do noroeste de África



REDACCIÓN · PUBLICADO O 11 DE FEBREIRO DE 2019 · (0)



Da poboación procedente da actual Marrocos que migrou dende os días do Califato. Un estudo feito por investigadores das universidades de Santiago e Oxford sobre a distribución xenética de máis de 1.400 españois demostra que os patróns foron moldeados pola historia dos últimos mil anos. Por certo: onde hai máis ancestros do Magreb é en Galicia e Portugal.


Este equipo analizou mostras de ADN cuxos resultados veñen de ser publicados en Nature Communication. A investigación identifica diferencias xenéticas máis fortes no eixo que vai do este ao oeste da Península, así como mostras de movementos históricos de poboación que transcorren de norte a sur, durante a chamada "Reconquista", cando a poboación foi baixando a repoboar as zonas recuperadas. Por exemplo: en Granada, os dous cadros morados indican a corrente migratoria de galegos a esa zona concreta séculos atrás.

O traballo está asinado polo catedrático da USC Ángel Carracedo, e Simon Myers, Peter Donnelly e Clare Bycroft, da Universidade de Oxford. Bycroft explica que estes patróns reflicten a historia singular da Península Ibérica e, tendo en conta unicamente o seu ADN, apuntan “a agrupación de individuos modernos cuxos límites xeográficos coinciden estreitamente cos de distintos reinos, cos seus respectivos idiomas, presentes hai máis de 500 anos”. Ademais, o equipo de xenetistas puido identificar a presenza de ata un 10% de ascendencia do noroeste de África en habitantes modernos da Península, incluíndo obviamente Portugal -daquela non existía como reino e viviu as mesmas flutuacións co resto da Península, se ben no mapa de abaixo non se recolle-, que probablemente proveña dos anos 860-1120. Seguindo ademais a uns 30.000 combatentes, tamén se rexistrou unha migración civil dun número descoñecido de persoas, principalmente béreberes, que se instalaron en diversos puntos da Península. As análises previas darían conta de que este movemento tería producido un “impacto xenético substancial e xeneticamente variable”.

No conxunto do territorio español a presenza de ancestros de orixe africana ocorreu en todos os grupos, se ben os niveis son menores no País Vasco e na zona correspondente co espazo da Coroa de Aragón durante o século XIV. Máis recentemente, producíronse migracións de persoas de ascendencia vasca cara o sur atravesando a Península, como se pode ver con poboación de orixe vasca espallada por Castela-león e Extremadura. En conxunto, estes resultados indican que os movementos poboacionais de séculos de antigüidade asociados coa conquista musulmá e a posterior Reconquista deron forma á xenética moderna.

Unha zona rica e variada

O interese de estudar esta rexión de Europa, radica -en opinión dos autores do traballo- no feito de que “a Península Ibérica ten unha historia demográfica complexa e é única entre as rexións europeas por ter un período de séculos de dominio musulmán”. Ademais, en Galicia foi posible identificar grupos de individuos xeneticamente similares en escalas moito máis precisas -de menos de 10 quilómetros de distancia nalgúns lugares-, como ao longo do vales dos ríos. Estas agrupacións tan localizadas predín a probable existencia de mutacións raras localizadas xeograficamente, incluídas as causantes de enfermidades. En opinión de Ángel Carracedo “as extensas diferencias xenéticas observadas a pequena escala en Galicia poderían explicar porque algunhas enfermidades con compoñente xenética parecen concentrarse en áreas concretas”.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)