Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Desenvolven en Lugo un innovador xerador eléctrico para a eólica mariña flotante



REDACCIÓN · PUBLICADO O 05 DE MARZO DE 2019 · (0)



O prototipo, que se está a probar no Centro de Innovación Norvento Enerxía, baséase nunha novidosa tecnoloxía de multiplicación magnética, que consigue reducir as súas dimensións e peso respecto ás tecnoloxías habituais, un aspecto moi relevante para a eólica offshore.


O Proxecto CHEF (Compact Holistic Efficient Floating Turbine) ten como obxectivo reducir o custo da enerxía producida polos aeroxeradores empregados en eólica mariña, mellorando a súa eficiencia e reducindo custos. Así, o xerador, grazas á súa novidosa tecnoloxía, dispón internamente de dous rotores e emprega imáns permanentes, o que lle permite acadar unha densidade de potencia moi superior a outros xeradores eléctricos de accionamento directo empregados no sector eólico e conseguir unha eficiencia maior.

A redución de tamaño e peso que consegue esta configuración do xerador é clave para o futuro da eólica mara, xa que permite diminuír o tamaño das estruturas que soportan ao aeroxerador, o que se traduce nunha redución de custos do sistema. Ademais, a multiplicación magnética, en comparación coa multiplicación mecánica empregada por outros aeroxeradores tamén axuda a minimizar os custos de mantemento, xa que as multiplicadoras mecánicas necesitan revisións constantes e xeran máis problemas de fiabilidade e desgaste de compoñentes.

Estas melloras en canto ao tamaño e ao peso total da turbina son aspectos especialmente relevantes no caso de aeroxeradores mariños emprazados sobre plataformas flotantes, unha variedade de eólica offshore de especial interese para España dada a reducida extensión da plataforma continental nas costas nacionais, tanto peninsulares como insulares.

Os enxeñeiros de Norvento implicados no proxecto estiman que esta tecnoloxía ten potencial para reducir o custo da enerxía (LCOE ou Levelized Cost of Electricity) da eólica flotante ao redor do 5%, xa que consegue reducir o custo dos compoñentes, das operacións de instalación e do mantemento, e ademais incrementa a enerxía producida ao ser máis eficiente que outros xeradores. Manuel Pinilla, director comercial de Norvento, explica que “é unha moi significativa achega á redución do custo da enerxía, que naturalmente deberá ir acompañada doutras melloras tecnolóxicas e loxísticas de aeroxeradores e plataformas para que o conxunto de todas elas consigan facer comercialmente viable a eólica flotante”.

Consorcio internacional

O proxecto de deseño, desenvolvemento e validación da nova turbina corre a cargo dun consorcio que agrupa a tres compañías: Magnomatics, Seaplace e Norvento. A inglesa Magnomatics foi a encargada do deseño e fabricación do xerador eléctrico Pseudo Direct Drive con tecnoloxía de multiplicación magnética. A española Seaplace, especialista no eido da enxeñaría oceánica, desenvolveu o concepto de plataforma con cimentacións flotantes sobre a que se ubicará o aeroxerador, que ao non necesitar de cimentación tradicional, abre o abano de ubicacións onde poderían establecerse estas novas turbinas. Pola súa banda, Norvento participa como organización experta tanto no uso como no deseño de xeradores eléctricos e aeroxeradores, validando tanto os seus requisitos técnicos como o seu desempeño real, grazas ao banco de ensaios de xeradores do que dispón no seu laboratorio do Cine, en Lugo, onde xa testou outros deseños destinados aos seus propios aeroxeradores.

Na fase actual do proxecto, Norvento avaliará a viabilidade da aplicación en eólica offshore da tecnoloxía Pseudo Direct Drive. Os enxeñeiros de Norvento, Seaplace e Magnomatics testarán durante os próximos meses a fiabilidade, eficiencia e comportamento deste novo xerador ante as variacións do vento e as cargas inerciais inducidas polos movementos da plataforma flotante. O xerador que se está sometiendo a probas é un prototipo a escala de 500kW do que nun futuro será un destinado a unha turbina de entre oito e 12MW.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)