Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Libraría Couceiro cumpre 50 anos



REDACCIÓN · PUBLICADO O 06 DE MARZO DE 2019 · (0)



A Libraría Couceiro de Santiago de Compostela celebra este mes de marzo o seu 50 aniversario. Situada na praza de Cervantes, en pleno casco histórico, a onde volveu en 2007 tras varios anos no ensanche, a libraría con máis tradición na venda de libro galego é arestora un espazo de referencia na cidade.  


Libraría Couceiro quere celebrar o seu 50 aniversario cos seus clientes e amizades, polo que organizou para este sábado, 9 de marzo, unha intensa axenda de actividades que se desenvolverán na rúa, na praza de Cervantes se o tempo o permite, ou na propia libraría en caso de chuvia.

A xornada comezará ás 12.15 h cun atranque das “Generalinhas” da Semente ao que seguirá un concerto De Ninghures, unha agrupación de xente nova que propón unha escolma de temas que beben do tradicional e conflúen con novos sons. A atmosfera de festa e diversión continuará ás 13.15 h coa proposta de canción de autor e intervención galega do grupo Os Tres Pés que leva por título “Os Tres Pés para 10501001000 Couces Máis”. Xa pola tarde, a partir das 18.00 h haberá sesión de contacontos co poeta Celso Fernández Sanmartín e cia actriz, fotógrafa e narradora Soledad Felloza.

Pero as actividades de celebración do 50 aniversario –cuxa imaxe elaborou o ilustrador Pepe Carreiro– estenderanse durante todo este mes de marzo, no que hai programados diversos encontros de escritores con alumnado de centros educativos de toda Galicia, obradoiros de escrita e mesmo un desconto do 5 % en todas as compras do seu fondo.

Máis que unha libraría

Fundada en Santiago de Compostela no ano 1969, Libraría Couceiro é, hoxe en día, o establecemento con máis tradición na venda de libro galego de toda a comunidade. Situada dende o ano 2007 na praza de Cervantes, en pleno casco histórico de Santiago, tense convertido en moito máis que unha libraría especializada na venda de libro galego: é un auténtico centro de divulgación da cultura galega mediante a realización de todo tipo de actos nas súas instalacións, un edificio singular con más de 400 metros divididos en seis plantas, que foi concibido e rehabilitado xa como un espazo cultural que permitise acoller todo tipo de actividades. 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)