Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O 31% dos postos directivos en empresas galegas está ocupado por mulleres



REDACCIÓN · PUBLICADO O 08 DE MARZO DE 2019 · (0)



“As empresas galegas parecen recoller a luva. Pero a paridade está lonxe de alcanzarse e esperamos que este aumento non sexa unha mera reacción e vexamos avances similares nos próximos anos”, explica Eva Hernando, socia de Grant Thornton –a consultora que fixo a enquisa a empresas de entre 50 e 500 empregados- na oficina de Vigo.


A cifra galega está un pouco por riba da media nacional (30%) e da Unión Europea (28%), segundo os datos do novo informe “Women In Business 2019: cara a un avance real”, que fai anualmente Grant Thornton dende 2004.  A muller, ademais, xa ocupa polo menos un posto de mando no 92,2% das empresas galegas consultadas, fronte ao 86,8% da media nacional.

Para lograr este avance, directivos e directivas enquisadas explican as políticas que están a tomar nas súas corporacións. Entre as máis importantes destacan o traballo flexible (31%); o acceso igualitario a oportunidades laborais (38%) e a creación dunha cultura de empresa máis inclusiva (18%). Con todo, a falta de conciliación (47%), unha cultura dominada por homes no seu sector (39%) e na súa propia empresa (21%) e a maternidade (31%) seguen sendo as principais barreiras que frean á muller no seu desenvolvemento directivo.

É rendible a diversidade de xénero?

Para comprobar se ter máis directivas é rendible, Grant Thornton desenvolveu e aplicou un “índice de diversidade” nas 400 empresas participantes, analizando o número de medidas de paridade que aplican e a súa correlación cos seus resultados empresariais. “A conclusión é clara: a maior implicación en materia de xénero e maior diversidade maior probabilidade de crecer a ritmos superiores ao 5%”, explica José Ramón Cuervo, socio de Grant Thornton na oficina de Vigo.

Só una de cada tres empresas sen implicación creceu por encima desa porcentaxe. En cambio, o 52% das empresas “moderadamente” implicadas aumentou os seus ingresos por encima do 5%. Por último, as empresas do estudo cun compromiso alto en paridade incrementaron todas significativamente a súa rendibilidade en 2018. “O custo de oportunidade de non apostar por equipos directivos mixtos, en termos de retorno sobre os activos, supón unha perda de case 580.000 millóns de euros nos 35 países analizados. Unha evidencia que debe animar a que máis empresas aposten pola equidade de xénero no noso país”, explica Isabel Perea, socia de Grant Thornton.

Os compromisos formais axudan

Pouco máis dun terzo das empresas en España (37%) afirman dispoñer dun documento formalizado que estableza a paridade de xénero e moitas menos, un escaso 12%, deron o paso de fixarse obxectivos de paridade na súa alta dirección. No caso das empresas galegas, este tipo de compromisos escritos son aínda menos habituais e só unha cuarta parte das empresas conta con eles. O  paso básico de dispoñer dun adecuado Plan de Igualdade, naquelas que contan con este tipo de políticas formais, as mulleres ocupan xa o 35% dos postos directivos, cinco puntos por encima da media xeral nacional.

 “Máis aló da obrigación legal para as empresas de máis de 250 traballadores, que pode endurecerse lexislativamente nos próximos meses, dispoñer dun Plan de Igualdade formal é unha forma clara de institucionalizar o compromiso”, explica Aurora Sanz, Socia de Laboral de Grant Thornton.

Os empresarios galegos, contrarios ás cotas obrigatorias

Por último, o estudo volve preguntar aos empresarios se están de acordo ou non coa imposición de cotas obrigatorias para impulsar a presenza da muller na alta dirección. A nivel nacional, 7 de cada 10 volven rexeitalas, o que supón dez puntos menos que o ano pasado (do 80% ao 70%). Pola contra, o rexeitamento aos sistemas de cotas elévase significativamente en Galicia, ata situarse nun 82%. Ademais, se a nivel nacional dous de cada tres directivos que participaron no estudo consideran que son as empresas as responsables de reducir as limitacións de acceso das mulleres aos postos de alta dirección, en Galicia crece ata un 20,5% a porcentaxe dos que opinan que non é responsabilidade das empresas corrixir esa situación.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)