Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Os mozos galegos apenas comen peixe



REDACCIÓN · PUBLICADO O 12 DE MARZO DE 2019 · (0)



Os datos do estudo “Hábitos Alimentación 2019” elaborado pola Unión de Consumidores de Galicia apuntan que o 37% das persoas de entre 18 e 30 anos só o consume unha vez á semana, e mesmo un 19% con menor frecuencia.


E iso que as recomendacións sobre consumo de peixe establecen unha proporción de tres a catro veces por semana, unha frecuencia que non parece acadarse en Galicia segundo o traballo de Ucgal. As cifras establecen que preto do 48% dos galegos consume peixe dúas ou tres veces á semana. Porén, máis do 27% afirma consumilo só unha vez cada sete días e máis do 10% con menor frecuencia ou nunca.

Pero se se analizan os datos por tramos de idade, son especialmente preocupante entre os mozos, xa que case dous terzos deles nin sequera chega a facelo dúas veces por semana. Son os maiores de 60 anos os que realizan un consumo máis regular: un 23,32% afirma que o toma entre catro e seis veces por semana; séguenlles de lonxe os consumidores de 51 a 60 anos cunha porcentaxe de pouco máis do 12% no mesmo rango de frecuencia.

Atendendo ao sexo das persoas que participaron neste estudo, a maior frecuencia de consumo semanal dáse entre as mulleres. Atendendo aos datos, hai unha maioría de homes (32,52%) que só consumen peixe unha vez por semana, unha cifra que, coa mesma periodicidade, descende ata case o 26% nas mulleres.

Por tipo de fogar

Este traballo tamén permite coñecer o consumo de peixe atendendo ao número de persoas integrantes do fogar. A mellor proporción semanal de consumo de peixe dáse nas familias de tres e de catro membros. Tamén se pode dicir que a menor número de integrantes no fogar, menor frecuencia de consumo: máis do 13% das vivendas cunha e con dúas persoas afirman comer peixe cunha frecuencia inferior á semanal ou nunca.

Debullados os datos por provincias é a de Pontevedra a que destaca na aplicación das recomendacións de consumo semanal de peixe: case un 50% fai un consumo de dous ou tres veces por semana e máis dun 13% de catro a seis veces. Nas catro provincias galegas o consumo na franxa de dúas a tres veces por semana supera o 48%.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)