Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Loitando contra o cancro dende a empresa



REDACCIÓN · PUBLICADO O 13 DE MARZO DE 2019 · (0)



A Área Empresarial do Tambre e a Asociación Española Contra o Cancro asinan un convenio para colaborar na prevención desta doenza. O obxecto é sensibilizar ao colectivo empresarial e fomentar o seu compromiso social para sumar socios e voluntarios.


O protocolo de colaboración asinado onte ten como obxectivo desenvolver actividades de prevención do cancro e de fomento do voluntariado entre as empresas do ámbito da área empresarial. O convenio foi asinado polo presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, Jesús Chenel, e o presidente da Xunta Provincial da Coruña da AECC, Manuel Aguilar, no Centro Empresarial do Tambre.

A través deste acordo facilitarase formación e información ás empresas asociadas á AET, arredor de 400, sobre as actuacións da AECC na loita contra o cancro, en concreto sobre as actuacións encamiñadas á prevención, apoio aos pacientes e familias, fomento da investigación oncolóxica, captación de socios e doazóns e o seu tratamento fiscal, e a creación de canles para articular voluntariado corporativo nas empresas para apoiar a loita contra o cancro. O acordo establece tamén a organización de charlas sobre a prevención da enfermidade, ben sexa sobre vida saudable, campañas de prevención de cancro de mama, de colon, virus do papiloma ou o melanoma, ben sexa para o desenvolvemento doutras accións como mesas redondas, conferencias ou exposicións.

Jesús Chenel destacou a relevancia desta colaboración e manifestou que a asociación está profundamente implicada no desenvolvemento de actividades que redunden na prevención do cancro e a protección da saúde. Tamén fixo un chamamento a todas as empresas da Área Empresarial do Tambre para involucrarse nesta causa a través da activación de prácticas de responsabilidade social corporativa nas súas compañías.

Pola súa parte, Manuel Aguilar destacou que a AECC afronta a loita contra o cancro desde un enfoque integral: investigación, apoio e acompañamento a enfermos e familias, así como información e concienciación, xa que o 40% dos casos de cancro se podería previr. E para iso, Aguilar indicou que é necesario o apoio de toda a sociedade civil, “na que o ámbito empresarial xoga un papel protagonista”. A asociación posúe en Santiago 914 socios y 81 voluntarios. Na área sanitaria de Santiago diagnosticáronse o ano pasado arredor de 2.500 cancros, segundo datos da entidade.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)