Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Acouga chama a sumarse á súa acusación colectiva contra o Popular



REDACCIÓN · PUBLICADO O 13 DE MARZO DE 2019 · (0)



Calcula que son uns 15.000 os pequenos investidores galegos que perderon o valor das súas acción desta entidade bancaria, pequenos aforradores que adquiriron estas participoacións no seu día como complemento das súas accións.


Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga), fixo hoxe este chamamento para os que perderon o valor total das súas accións do Banco Popular tras a súa compra polo Santander se sumen á acusación particular aberta perante o Xulgado Central de Instrución número 4 de Madrid, que investiga as responsabilidades penais nas que puideron incorrer a entidade financeira e os seus antigos xestores.

O secretario xeral de Acouga, o avogado Xoán Antón Pérez-Lema, explicou que os clientes que compraron accións antes e despois da ampliación de capital emitida polo Popular en xuño de 2016 poderían reclamar compensacións polos prexuízos económicos sufridos en xuño de 2017. O letrado calcula que podería haber uns 15.000 pequenos investidores afectados en toda Galicia, pequenos aforradores sobre todo do Banco Pastor e o Banco de Galicia antes da súa compra polo Popular que, como complemento das súas pensións, investiron nunhas accións que agora xa non valen nada.

Citou, como exemplos do prexuízo causado, a particulares galegos que perderon ata 750.000 e 400.000 euros, e outros cuxo dano patrimonial rolda os 100.000, pero tamén a milleiros con cantidades máis cativas. Ata o de agora, xa son 40 as persoas incluídas na acusación particular a través de Acouga, que anima ao resto dos afectados a facer o mesmo.

A este respecto, o presidente da asociación, Manuel Pérez Arias, explicou que unha representación legal colectiva “é a ferramenta axeitada para un gran número de pequenos consumidores”, por ser economicamente asumible e porque contribúe a evitar un colapso xudicial. Para sumarse á acusación particular de Acouga e non incorrer en gastos legais elevados abonda con asociarse, cun custo mensual de 10 euros, e outorgar un poder notarial de representación aos letrados da asociación sen ánimo de lucro.

Pola súa banda, Pérez-Lema sinalou que este é un momento procesual oportuno, xa que están á espera de que se coñeza, en maio ou xuño, o informe pericial de inspectores do Banco de España sobre o acontecido na xestión do Banco Popular. Explicou que, a diferenza da acusación popular, a través da acusación particular pódense negociar co Santander posibles compensacións chegado o caso. “Estamos seguros de que, tras o informe, o Santander vai poñer cartos enriba da mesa para negociar e nós queremos que os consumidores galegos estean alí representados”, engadiu o secretario xeral de Acouga.

En todo caso, se o Santander resulta condenado, como “herdeiro” do Popular tería que facer fronte ás responsabilidades penais e civís que no seu caso acordase o xuíz. “O primeiro é a reparación económica remarcoue despois, se alguén ten que ir ao cárcere, tamén nos ocuparemos diso”.

Abanca

En canto á demanda colectiva que gañou Acouga contra Abanca o pasado mes de novembro polas cláusulas de chan, o presidente da asociación informou de que, a partir do 21 de xaneiro, a entidade financeira xa foi devolvendo os cartos ao 60% dos asociados adheridos a este procedemento.

Hai unha pequena porcentaxe na que se teñen detectado algúns ingresos “que non se corresponden co estudo económico” previo, ás veces con “distorsións importantes de 6.000 e 8.000 euros”, sobre os que Acouga xa está intervindo. A previsión é que a mediados do mes que vén estean rematados todos os pagos.

Desde Acouga lembra que para sumarse á acusación particular contra o Popular/Santander os afectados poden chamar aos teléfonos 981 113 402, 674 597 306 e 678 981 524, ou poñerse en contacto coa Asociación no enderezo electrónico acouga@acouga.net.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)