Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Executivas leva a Vilalba as súas ideas sobre emprendemento



REDACCIÓN · PUBLICADO O 08 DE MAIO DE 2019 · (0)



A asociación de empresarias e directivas celebrou onte na capital da Terra Chá unha xornada do programa “12 razóns para o emprego en igualdade”, na que se ofreceron algunhas claves para o desenvolvemento rural.


Tras a inauguración da xornada na Asociación de Empresarios do Polígono Sete Pontes, que correu a cargo da presidenta de Executivas, Carla Reyes Uschinsky, e da secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca Carús, Gonzalo Hermida, axente de Desenvolvemento Local do Concello de Vilalba, falou das claves para ter éxito no emprendemento rural e dos diferentes sectores nos que se pode actuar a maiores da agricultura e gandeiría.

Pola súa banda, Carmen Valiño, socia de Milhulloa e Muuhlloa, ofreceu a súa experiencia no eido do emprendemento a través de cooperativas e sociedades. Sobre este aspecto, sinalou as dificultades iniciais para emprender no rural e en sectores innovadores como o cultivo das plantas medicinais e aromáticas, e a forma de ir sorteando os obstáculos cos que se atoparon, pero tamén os beneficios de telo feito.

Por último, Fernando Soto, xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural Terra Chá, e Anabel Díaz, coordinadora de Executivas de Galicia, falaron das diferentes axudas para desenvolver proxectos no ámbito rural en xeral, das axudas Leader e das liñas de apoio máis específicas da comarca.

O programa “12 razóns para o emprego en igualdade” ten como obxectivo promover a igualdade de xénero como motor da economía e o desenvolvemento sostible, e difundir e sensibilizar ao tecido empresarial galego sobre a importancia de integrar na cultura empresarial as políticas de igualdade de oportunidades e de responsabilidade social empresarial. A iniciativa consta de 12 xornadas que se celebran en diferentes puntos estratéxicos de áreas industriais e empresariais de toda Galicia: Santiago de Compostela, Arteixo, Narón, San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar, Xinzo da Limia, Barro-Meis, Porriño-Mos, Lalín, Lugo, Barreiros e Monforte de Lemos.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)