Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Compromiso coa vida saudable



REDACCIÓN · PUBLICADO O 09 DE MAIO DE 2019 · (0)



O grupo para o apoderamento da muller no ámbito cooperativo de CLUN, Mulleres de Seu, celebrou nas súa sede de Ponte Maceira (Ames) unha xornada sobre “Hábitos de vida saudable. A importancia dos lácteos” coa asistencia de máis de 80 persoas.


A cooperativa, comprometida coa alimentación e os hábitos de vida saudables nos seus produtos, políticas e estratexias de innovación, convidou a dous expertos no eido da endocrinoloxía, que achegaron cadansúa visión integral sobre a importancia de previr a obesidade dende a alimentación e o exercicio físico. As “mellores medicinas”, aseguraron, para loitar contra o exceso de peso e as enfermidades metabólicas a el asociadas.

Na sesión, presentada polo presidente da cooperativa, José Ángel Blanco, e pola coordinadora do grupo Mulleres de Seu, Carmen Rodríguez, participou a responsable de Innovación e Calidade de CLUN, Sabela Oca, falando da importancia dos lácteos nunha alimentación saudable. O leite é un alimento completo que achega todos os macronutrintes necesarios na dieta, así como micronutrintes de alto interese biolóxico como son o calcio ou a vitamina D, asegurou. Así mesmo, os derivados lácteos como o iogur, o queixo ou a manteiga son grandes aliados nunha alimentación saudable xa que son produtos asequibles, accesibles e que permiten incorporar proteínas de gran valor nutricional, probióticos, ácidos graxos saudables ou altas doses de calcio. Explicou tamén cal é a función de cada un destes alimentos, canto e cando consumilos, combinación con outros alimentos, así como a que nos referimos cando falamos de dose de cada un deles.

A obesidade é unha auténtica epidemia na sociedade actual que afecta a máis de 2.000 millóns de persoas en todo o mundo, e é necesario e urxente combatela entre todos: Administración, empresas, educadores, médicos, científicos e demais axentes sociais responsables. O exceso de peso na infancia e na adolescencia ten unha altísima prevalencia (un de cada cinco nenos sofren obesidade en todo o mundo) e un menor con obesidade ten un 82% de probabilidades de ser un adulto obeso, fronte ao 15% de nenos con peso normal. Investigadores e facultativos atópanse na actualidade con nenos que padecen enfermidades propias de adultos (diabetes tipo 2, hipertensión), un escenario moi preocupante ao que convén poñerlle freo, din os especialistas.

Neste contexto, a xefa de grupo de Epixenómica en Endocrinología e Nutrición do IDIS-CHUS e investigadora do Ciber de Obesidade e Nutrición, a doutora Ana Belén Crujeiras, falou da relación entre a alimentación e a obesidade e de cómo a dieta non só afecta á nosa saúde senón tamén á dos nosos fillos e netos, que “herdarán a enfermidade”. Hoxe en día, o fácil acceso a alimentos altos en graxas e azucres e o sedentarismo configuran un ambiente que modifica os nosos xenes (obesoxénico) e predispón á obesidade. Fronte a isto, a experta do IDIS avoga pola dieta tradicional atlántica, con alimentos frescos, de proximidade e con alta presenza de verduras, peixes, carnes e, por suposto, lácteos, cuxos compostos se están estudando como protectores dalgunhas enfermidades. O patrón alimentario atlántico tamén explicaría, asegura Crujeiras, que Galicia figure entre as poboacións europeas máis lonxevas, catro anos por riba da media, con 83 anos.

Exercicio físico

O doutor Federico Mallo, vogal da Sociedad Española de Obesidad, catedrático de Endocrinoloxía do Centro Singular de Investigación de Galicia da Universidade de Vigo e especialista en medicina deportiva, asegurou pola súa banda que, ademais dunha alimentación adecuada e hábitos saudables, o exercicio físico e o deporte son outra das “medicinas” máis aconsellables para loitar contra a obesidade. Aspecto no que a muller debe exercer como motor de impulso deste tipo de prácticas, dada a importancia histórica da transmisión de patróns culturais e de conduta da muller, especialmente no medio rural, no que ademais se dan as condicións naturais e ambientais idóneas para a práctica da actividade física. A muller no rural ten a misión de dinamizar as xeracións actuais e futuras no hábito do exercicio físico. Mallo sostén tamén a necesidade de prescribir actividade física, sendo o tempo recomendado para un adulto de 150 a 300 minutos á semana e para nenos de 60 minutos ao día de actividade moderada vigorosa.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)