Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Dobarro afronta un novo mandato como presidente de Cofer



REDACCIÓN · PUBLICADO O 31 DE MAIO DE 2019 · (0)



O avogado, que foi reelixido onte á tarde, pretende ser parte activa no escenario de oportunidades que se abre na comarca e aproveitar as perspectivas de carga de traballo como plataforma de lanzamento para a innovación, a internacionalización e a mellora da competitividade.


Cristóbal Dobarro, que afronta un novo mandato de catro anos, foi o único candidato que se presentou para a Presidencia da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal e fíxoo a petición do propio comité executivo e co obxectivo de completar o traballo realizado nestes catro anos. Non obstante, xa adiantou que este será o seu último mandato, polo que “é tarefa de todos buscar un relevo a medio prazo”.

“Animáronme a seguir para rematar os proxectos pendentes e tamén para afrontar os novos desafíos que se presentan a nivel local e comarcal, dos que Cofer ten que ser parte importante”, sinalou. Neste sentido lembrou que nos últimos anos se traballou para intensificar a representación institucional da confederación tanto a nivel provincial como autonómico, e engadiu que “acadamos unhas cotas de representatividade que nunca tivemos a nivel patronal”.

O presidente destacou así mesmo o traballo desenvolvido en materia de promoción económica da zona, tanto dentro como fóra de España, un labor no que seguirá entregada a entidade. “Serán obxecto de atención preferente todos os escenarios que teñan relación con Ferrol”, explicou, para engadir que “seguiremos traballando cos países suramericanos, onde as comunidades galegas nos abren portas e nos permiten xerar novas oportunidades, pero non descartamos ningunha opción porque a axenda a marcará a evolución dos negocios a nivel comarcal”.

Novas oportunidades

Dobarro fixo fincapé no novo escenario de oportunidades que se abre coas F-110 e a previsible carga de traballo de artefactos off-shore e confiou en que “sirva de plataforma de lanzamento para a industria comarcal, para a súa innovación, internacionalización e mellora da competitividade”. Ademais manifestou que precisamente Galicia e a provincia da Coruña en particular “son punta de lanza de España en innovación e internacionalización”, e avanzou que este é o camiño que vai seguir. Segundo explicou, este horizonte presenta novas oportunidades de transformación nas que Cofer ten que ser axente, “non só para dinamizar a actividade produtiva, senón para contribuír a xerar unha comarca agradable e atractiva”. Así as cousas, afirmou que fixar poboación e atraer turismo son dous obxectivos “que van da man” e nos que terán un importante peso “a posta en valor do que xa temos, a transformación urbana que derivará de cuestións como o convenio co Ministerio de Defensa e os cambios que se producirán no estaleiro”.

O reelixido presidente destacou tamén as boas relacións institucionais que mantén a confederación tanto coas administracións como co resto dos axentes sociais e asegurou que os seus plans de futuro pasan por seguir colaborando con ellas e co Porto, a Armada, a Universidade e as empresas para avanzar en todos os obxectivos propostos.

Xunta directiva

Xunto a Cristóbal Dobarro formarán parte da xunta directiva como vogais de libre designación Emilio Vázquez Rey (Asociación de Empresarios de Hostalaría de Ferrol e Comarca); Francisco Maceiras Hermida (Asociación Profesional de Vendedores do Mercado das Casas Baratas); Amor Pérez Méndez (Asociación de Vendedores do Mercado da Magdalena); Enrique Guerreiro Martínez (Asociación de Empresarios As Somozas); Santiago Pérez-Torres Fernández (Asociación de Empresarios Marítimos da Coruña- Apemco); Amaya Felpeto Santaeufemia (Asociación de Escolas Infantís de Ferrolterra-Afesin); Roberto Derungs Cachaza (Asociación Provincial de Empresas Siderometalúrxicas-Comarca de Ferrol); Luis González Rey (AJE Ferrolterra); Fernando Colón Beis (Asociación de Cámpings do Noroeste); Pablo Rivera Somorrostro (Asociación TIC Ferrolterra); Álvaro Canosa Rojo (Asociación de Profesionais Inmobiliarios do Noroeste); Juan Manuel Ramos Reigosa (Asociación de Empresarios de Limpeza de Edificios e Locais de Ferrol, Eume e Ortegal); Juan Antonio Dalama Graña (ECHO Catabois); Jorge Silveira Rey (Asociación de Empresas do Sector Naval Público da Ría de Ferrol); Antonio López Rubal (Asociación de Comercio, Hostalaría e Servizos O Cruceiro de Fene), e José Manuel Vilaboy López (Asociación de Empresarios do Taller de Reparación de Vehículos Ferrolterra-Atreve).

Os vogais electivos serán Ramón Sas Brage, José M. Rilo González-Vallés e Santos Pérez Giannini pola sección de Empresas Independentes; Jaime D. Domínguez Paz pola Asociación TIC Ferrolterra e Clara Iglesias Vázquez pola Asociación de Empresas do Sector Naval Público da Ría de Ferrol. Por último, Roberto Hermida Piñón, de Unigraf Iberia, será vogal asesor.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)