Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Para que serven as matemáticas?



REDACCIÓN · PUBLICADO O 03 DE XUñO DE 2019 · (0)



“Sen linguaxes matemáticas os individuos non poderíamos realizar a inmensa maioría das transaccións económicas”, explica a directora de Itmati e catedrática de Matemática Aplicada da USC, Peregrina Quintela. As profesións con alta intensidade matemática achegan á economía española o mesmo que o sector do turismo.


O Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial, participado polas tres universidades galegas e con sede no Campus Vida da Universidade de Santiago, celebra a xornada “As matemáticas, vector estratéxico de progreso económico” este venres na Facultade de Matemáticas da USC. Alí presentaranse os resultados do estudo “Impacto socioeconómico da investigación e a tecnoloxía matemáticas en España”, elaborado pola consultora Analistas Financeiros Internacionais e promovido desde a Rede Estratéxica en Matemáticas. Entre as conclusións: a produtividade das profesión con peso matemático por hora é ata un 50% superior á alcanzada noutras.

Peregrina Quintela Estévez, catedrática e impulsora e presidenta da Rede Española Matemática-Industria explica que “permiten resolver problemas económicos vitais para o funcionamento dunha sociedade”. Os traballos teñen “unha elevada presenza na tecnoloxía e a economía. Desde o procesamento de datos de produción ou consumo nunha computadora, ao razoamento lóxico utilizado para xustificar unha ou outra decisión de política económica, as matemáticas atópanse presentes na realidade cotiá”.

No campo do deseño, modelaxe, simulación e prototipado de produtos engaden moita precisión á fabricación de bens e servizos, destacando en particular a mellora dos vehículos. Tamén contribúe á optimización de procesos produtivos e de organización, debido a que logran reducir custos e mellorar a eficiencia; aplicadas á loxística industrial optimizan a rede de distribución. E no ámbito da análise de datos, grazas ás matemáticas a información adquire sentido económico e é aproveitable; por exemplo en aeronáutica permite mellorar a eficiencia dos voos (consumo de combustible, emisións, tempos de voo, atrasos…).

Na xornada deste venres varios investigadores galegos darán a coñecer varias experiencias frutíferas como resultado da colaboración entre o mundo académico, en particular a Universidade, e o sector industrial. E presentaranse as distintas vías de financiamento que unha empresa ten para axudarlle a incorporar na súa estratexia as Matemáticas como motor de innovación. O Consorcio Itmati, creado en 2013, supuxo un fito importante de agregación de recursos entre as tres universidades galegas, potencia o polo da Matemática Industrial en Galicia.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)