Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Expourense céntrase este xoves na arquitectura sostible



REDACCIÓN · PUBLICADO O 10 DE XUñO DE 2019 · (0)



O 13º Simposio sobre Enerxías Renovables está especialmente dirixido aos profesionais da edificación, desde arquitectos ata instaladores e é gratuíto asistir previa inscrición na web. Será unha mañá completa con relatores expertos e roldas de preguntas.


Comezará cun relatorio que explicará os 5 principios “Passivhaus” aplicados á contorna galega da man do arquitecto ourensán Leonardo Lamas, vogal da Plataforma de Edificación Passivhaus. Exemplos galegos de construción con este sistema son o número 11 da rúa Colón en Vigo, o primeiro bloque residencial de Galicia en lograr o certificado; a Casa Alush en Santiago (na imaxe de apertura) e Sempre Fisterra, na Costa da Morte, o primeiro hotel en España en lograr o selo.

O seguinte relatorio corre a cargo do responsable da área de Industria e Edificación Sustentable do Centro Tecnolóxico EnergyLab de Vigo, Eduardo Rodríguez, que explicará as liñas estratéxicas en renovables da Unión Europea para 2030 e 2050 e as oportunidades para os profesionais da construción. A primeira parte da xornada concluirá co relatorio sobre a análise das modificacións que implica o novo Código Técnico da Edificación 2019 cunha presentación das tendencias do mercado nas solucións arquitectónicas. Estará impartida por Ángel Torrescusa Valero, Product Maganer de BDR Thermea Group, terceira empresa europea en facturación no sector da climatización que explicará cara a onde camiñan as grandes decisións empresariais na instalación de sistemas de calor e frío.

Despois dunha pausa para o café falarase de climatización e retos arquitectónicos na rehabilitación de edificios co responsable da firma tarraconense de acondicionamento térmico ALB Sistemas, Alberto Guillén Martín, que explicará como as tendencias en aloxamentos turísticos a través de “Airbnb” cambiaron os centros históricos das cidades achegando claves para calefactar edificios aforrando. Borja Fernández Aguinaco, enxeñeiro  da multinacional alemá de climatización Vaillant, presentará un caso práctico: un edificio madrileño de 24 vivendas con consumo case cero no que inflúen tanto os materiais utilizados (de quilómetro cero, locais) como o estudo do clima e a orientación. E o último relatorio dedicarase a presentar o  Selo “Galicia Calidade” a cargo de Manuel López, presidente da Agrupación industrial de Xeotermia de Galicia.

Este XIII Simposio está organizado por Expourense coa asesoría da empresa ourensá de investigación xeotérmica (INGEO) e a colaboración do Concello da cidade. Será tamén un ano máis o espazo elixido para presentar os avances realizados no proxecto Geoatlantic.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)