Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Os Premios Ramiro Carregal apoian a investigación do cancro de mama e da leucemia infantil



REDACCIÓN · PUBLICADO O 11 DE XUñO DE 2019 · (0)



A oitava edición do Premio Internacional de Investigación Oncolóxica foi para a doutora Ana Lluch pola súa traxectoria no ámbito do cancro de mama mentres que Pablo Menéndez recolleu o primeiro Premio a Talentos Emerxentes polo seu labor no eido da leucemia infantil. Ambos os dous recolleron os galardóns en Santiago de Compostela de mans do empresario e mecenas que dá nome aos premios.


O empresario Ramiro Carregal estivo acompañado un ano máis polo presidente da Xunta de Galicia, quen clausurou a gala de entrega do VIII Premio Internacional de Investigación Oncolóxica, Científica e Técnica, dotado con 20.000 euros, e do I Premio a Talentos Emerxentes en Investigación Oncolóxica que se convocou este ano por vez primeira cunha contía de 6.000 euros. Ramiro Carregal expresou a súa “gratitude e admiración aos premiados” que fixo extensiva “a todos os científicos, médicos e investigadores que día a día loitan por un mundo mellor”.

Tamén Rafael Silva, director territorial de HM Hospitales e membro do Xurado, agradeceu aos premiados “non só o seu magnífico traballo no ámbito da investigación senón a súa traxectoria, implicación e sacrificio en favor de toda a sociedade, un recoñecemento que queremos facer extensivo a todos os profesionais do ámbito da saúde”.

O Dr. Rafael López, presidente do Xurado, explicou os motivos que levaron a premiar os dous homenaxeados. No caso da Dra. Lluch destacou “o traballo e dedicación na loita contra o cancro de mama” tanto en investigación como no ámbito clínico e docente, así como “o seu enorme prestixio internacional e, sobre todo, a súa calidade humana”. No caso do Dr. Pablo Menéndez, director científico do Instituto de Investigación contra a Leucemia Josep Carreras, subliñou o que supón traballar con cancro infantil, coas peculiaridades e a dureza que leva aparellado.

O traballo do Dr. Menéndez céntrase en coñecer as alteracións epixenéticas que provocan un subtipo de leucemia de fatal prognóstico, tras confirmar que se trata dun “tumor do desenvolvemento”. Trátase dun tipo moi pouco frecuente e de mal prognóstico que afecta, sobre todo, a menores dun ano. O seu laboratorio é líder internacional en entender a etioloxía e patoxénese das leucemias linfoides agudas do lactante e desenvolveu numerosas achegas básicas, preclínicas e clínicas sobre a enfermidade.

Estes estudos son cruciais para entender a historia natural da leucemia infantil e a evolución das súas alteracións xenéticas e o seu traballo “abrirá a porta a novas opcións terapéuticas destes nenos, que son e serán o futuro da sociedade”, destacan desde a Fundación Josep Carreras.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)