Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Consellos ante as altas temperaturas



REDACCIÓN · PUBLICADO O 28 DE XUñO DE 2019 · (0)



Parece que a calor chega tamén a Galicia esta fin de semana, así que é importante ter en conta certos consellos para evitar as graves consecuencias que pode ter un golpe de calor e que van de secuelas irreversibles no sistema nervioso, cardíaco, renal ou dixestivo ata a morte.


Inmersos nunha onda de altas temperaturas, o risco de sufrir un golpe de calor crece especialmente en determinados colectivos. 

O Dr. José Manuel Pallarés Fernández, coordinador de Medicina Interna de HM Hospitales, advirte do incremento de casos entre a poboación de máis idade, entre persoas que toman determinados medicamentos e entre enfermos crónicos con cardiopatías, problemas respiratorios, diabetes ou hipertensión. Lonxe de ser algo anecdótico ou excepcional, advirte o especialista, “en persoas maiores os golpes de calor durante as épocas de altas temperaturas constitúen unha auténtica epidemia”.

Aínda que se avanzou moito na concienciación, o especialista asegura que a poboación aínda descoñece a súa gravidade. “O golpe de calor é capaz de causar a morte por fallo multiorgánico”. E aínda logrando salvar a vida, “pode deixar secuelas irreversibles no sistema nervioso, cardíaco, renal ou dixestivo” de quen o sofre.

Por iso os sanitarios lembran estes días a importancia de adoptar todas as medidas necesarias para previr a súa aparición, aprender a identificar os síntomas e coñecer as pautas para actuar a tempo.

Sinais de alerta

Os síntomas dun golpe de calor son “facilmente identificables”, polo que, coñecelos axuda a empezar “canto antes coas medidas de recuperación”, explica o especialista. Cefalea, confusión, dificultades para falar, sensación de vertixe ou mareo, alucinacións ou molestias abdominais son os primeiros sinais. Ante calquera deles débese actuar rapidamente quitando a roupa á persoa e levándoa a unha ducha ou bañeira para aplicarlle auga fría. Se isto non é posible, pódese poñer xeo nas zonas laterais do tronco. E se a persoa está consciente, é importante darlle de beber líquidos fríos en pequenas cantidades, de maneira continua. Pola contra, se o nivel de conciencia é baixo, hai que evitar a inxestión de líquidos xa que poden chegar ao pulmón.

Medidas de prevención

Evitar o exercicio físico nas horas de calor intensa ou con baixa humidade, permanecer en lugares frescos e non desprazarse nas horas de máis calor, salvo que se faga en vehículos con aire acondicionado. Así mesmo, os médicos recordan a importancia de hidratarse ao longo de todo o día aínda que non se teña sede. E por suposto non recorrer a bebidas alcohólicas, sobre todo se son de alta gradación.

Elixir roupa adecuada de algodón e de cores claras e protexerse con gorras, lentes de sol etc. son outras das medidas básicas de prevención. E, por suposto, consultar co médico se se están tomando determinados fármacos como diuréticos, tranquilizantes ou anticolinérxicos.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)