Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Máis da metade das empresas galegas prevé unha recesión no vindeiro lustro



REDACCIÓN · PUBLICADO O 08 DE XULLO DE 2019 · (0)



As compañías desta comunidade autónoma son as máis pesimistas sobre ese posible escenario. Ser máis cautelosos á hora de endebedarse (37%) e reducir custos (34%) son as medidas más empregadas para protexerse dunha posible recesión.


O novo Informe Europeo de Pagamentos elaborado por Intrum, compañía especializada en xestión de créditos e activos, apunta que o 52% das empresas galegas entrevistadas ve posible que se produza unha recesión nos próximos cinco anos. Esta porcentaxe, que supera a metade do tecido empresarial galego, sitúase oito puntos por riba do promedio español (44%) e coloca ás empresas de Galicia entre as tres rexións que actualmente teñen peores previsións sobre a situación económica do país, ao mesmo nivel que Castela e León (52%) e por riba Madrid (51%). No lado oposto, as empresas máis optimistas son as manchegas, onde apenas un 29% dos empresarios ve factible unha recesión económica a curto prazo, seguidas das andaluzas, as catalanas e as vascas, cun 38%.

O estudo tamén analiza como reaccionan as empresas ante a ralentización da economía na eurozona e que medidas de protección empregan para manter a súa competitividade no mercado. Para afrontar esta incerteza, o 34% das empresas de Galicia opta, en primeiro lugar, por establecer un plan de redución de custos, unha cifra catro puntos por debaixo da media española (38%), o que sitúa a Galicia moi lonxe do 84% das manchegas que realiza esta mesma afirmación.

No caso das empresas galegas, a baixada de custos vai unida a un descenso da contratación de novos empregados. Concretamente, o 18% das súas organizacións planea reaccionar á desaceleración económica cunha caída do reclutamento, só superada polas sociedades andaluzas (25%).

A precaución á hora de endebedarse é unha das máximas que adoptan case catro de cada dez organizacións galegas (37%) para previr o seu negocio da recesión, porcentaxe superior á da media nacional (30%). Non obstante, para asegurar o seu futuro, segundo reflicte o informe, as compañías galegas non só elixen a prevención, senón que tamén aseguran o pago dos seus clientes. Máxime cando no último ano as perdas por impago acadaron o 1,3% dos seus ingresos anuais, catro décimas menos que a media española (1,7%).

Estas cifras sitúan ás empresas galegas ao mesmo nivel que as castelán-leonesas ou vascas (1,3%), que rexistran bos resultados fronte ao 3% de perdas de Aragón ou o 1,9% dea Comunidade de Madrid. Precisamente, estes resultados fan que o 19% das empresas de Galicia aposte por asegurar o pagamento dos seus clientes ante unha posible desaceleración económica, en liña co promedio español (20%).

Incrementar as vendas

Outro aspecto que quixo analizar Intrum é a porcentaxe de empresas que buscan ser competentes nun mercado debilitado incrementando as súas vendas. Unha fórmula na que non se atopan diferenzas entre a media galega e española, pois o 16% das empresas galegas estuda afrontar unha posible recesión deste modo, a mesma porcentaxe que a media nacional.

De feito, só 10 das 17 comunidades autónomas entrevistadas fan referencia ás vendas como solución para facer prosperar o seu negocio ante unha recesión, sendo as aragonesas (31%) e catalanas (27%) as máis propensas a reaccionar ás dificultades intentando aumentar as súas vendas, fronte ao 5% das castelán-leonesas ou o 8% das manchegas.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)