Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

75 anos de investigación en Galicia



REDACCIÓN · PUBLICADO O 01 DE AGOSTO DE 2019 · (0)



O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento acolle unha exposición que percorre os seus 75 anos de vida, unha mostra que poderá ser visitada ata mediados de setembro e que se exhibirá noutros lugares da comunidade autónoma e na Casa de Galicia en Madrid.


A mostra, inaugurada o pasado 24 de xuño no Hostal dos Reis Católicos en Santiago, pode visitarse agora na sede do instituto, no antigo Hospital de San Roque, ubicado tamén en Compostela. No patio interior do edificio están colocados os paneis nos que se profundiza tanto na traxectoria histórica do centro como na importancia da biblioteca e as coleccións que atesoura. Non obstante, a mostra do Padre Sarmiento poderá verse tamén noutros lugares de Galicia e en Madrid, xa que o director do Iegps, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, confirmou que estará en Madrid en decembro na Casa de Galicia, onde se realizará un acto inaugural o 4 dese mes e permanecerá aberta ata o 30.

A mostra profundiza na contribución do instituto, centro mixto do CSIC e a Xunta, no eido da humanística galega contemporánea. Na súa primeira parte, unha ducia de paneis explican a súa traxectoria histórica, lembrando os antecedentes e primeiros pasos, así como aos protagonistas do seu posterior devir. Tamén ocupa un lugar destacado a importante contribución científica e cultural da institución, particularmente a través das súas múltiples publicacións. Na súa última parte, composta por oito paneis, destácanse as diferentes coleccións histórico-artísticas e arqueolóxicas que o instituto atesoura. “Entre elas figuran algúns obxectos singulares e un número non menor de obras asinadas por moi recoñecidos artistas galegos”, explica Pardo de Guevara.

Como peche, hai varios paneis que destacan a importancia da biblioteca do instituto, cuxo fondo supera hoxe os 50.000 volumes, ademais dalgunhas coleccións documentais de “notable importancia para a historia e a cultura de Galicia”. Entre estas últimas destácase a colección de debuxos arqueolóxicos do estudoso Xosé Antón G. González-Ledo, composta por máis dun millar de láminas, “boa parte delas adquiridas recentemente polo CSIC con cargo ao 1% cultural”, agrega o director do centro.

O instituto

O 30 de novembro de 1943, tras a desaparición do Seminario de Estudos Galegos, acordouse a creación do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (Iegps), adscrito ao Patronato de Humanidades Marcelino Menéndez Pelayo do CSIC, e quedaría constituído formalmente o 15 de febreiro de 1944. Tras ser dirixido por Francisco Javier Sánchez Cantón, José Fernando Filgueira Valverde e Francisco Javier Río Barja, en 1994 foi nomeado director Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, e a partir dese ano acometeuse unha profunda reorganización, orientada a normalizar a súa estrutura como centro de investigación. Este proceso culminou o 7 de marzo de 2000 coa redefinición do instituto como centro mixto do CSIC e a Xunta.

Na actualidade o Iegps conta con dous grupos de investigación. Por unha banda, Historia social do poder dende a Idade Media”, dirixido por Eduardo Pardo de Guevara y Valdés,e adicado a acometer estudos sobre as estruturas do parentesco e as relacións de poder, a partir principalmente das reconstruccións xenealóxicas, a análise prosopográfica e o estudo e edición de fontes diplomáticas, epigráficas e heráldicas. Por outra banda, Culturas e sociedades no mundo ibérico dende a Idade Media”, dirixido por Antón M. Pazos e centrado na historia das mulleres e o fenómeno das peregrinacións dende o punto de vista histórico e cultural.

Biblioteca e publicacións

Así mesmo, a biblioteca do Iegps está considerada unha das máis nutridas e valiosas de temática galega. A base inicial e fundamental dos seus fondos procede do desaparecido Seminario de Estudos Galegos, que foran depositados na Universidade de Santiago. A eles sumáronse despois as sucesivas donacións e depósitos dalgúns destacados estudosos, como Joaquín Arias Sanjurjo e José Varela de Limia, vizconde de San Alberto especialmente rica en folletos e documentación–; Juan López Suárez, hijas de Salvador Cabeza de León, Fernando Alsina González ou Paulino Pedret Casado e Felipe Cordero Carrete, que en 1956 adquiriron e donaron a biblioteca de Antonio Couceiro Freijomil. Neste sentido, é de destacar a recuperación e ampliación do fondo antigo ao longo destes últimos 25 anos.

En canto ás publicacións, destaca a revista Cuadernos de Estudios Gallegos, editada con regularidade densde 1944. En 2016 foi recoñecida co selo da calidade da Fecyt e está recollida nas bases de datos Scopus, Francis, IMB e PIO. A colección completa suma 130 números, con case un millar e medio de artigos e is de 30.000 páxinas. Ao seu amparo edítanse dúas series complementarias: Anejos de Cuadernos de Estudios Gallegos (45 títulos) e Monografías de Cuadernos de Estudios Gallegos (16 títulos).



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)