Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Dotar de funcionalidades especiais a un amplo rango de materiais a través do láser



REDACCIÓN · PUBLICADO O 05 DE AGOSTO DE 2019 · (0)



Aimen participa no proxecto Prometheus para desenvolver un innovador sistema láser de pulsos ultra,curtos e alta potencia para o texturizado superficial de precisión e alta velocidade.


Esta iniciativa europea, enmarcada no programa Horizonte 2020, busca implantar unha tecnoloxía como o texturizado láser, que permite dotar aos produtos dunha maior personalización e dun maior valor engadido por medio da súa funcionalización nos procesos de produción convencionais. En particular, a tecnoloxía desenvolvida en Prometheus permitirá dotar con distintas funcionalidades a materiais poliméricos, metais e cerámicas por medio dun proceso de texturizado láser superficial baseado na interferencia de feixes, técnica coñecida polo seu nome en inglés, Direct Laser Interference Patterning (DLIP).

Entre as funcionalidades que ten por obxectivo este proxecto atópase a xeración de texturas superhidrófobas ou a mellora das propiedades tribolóxicas. Agárdase que a estación láser prototipo desenvolvida en Prometheus permita acadar velocidades de texturizado de entre 2-5 m2/min e unha resolución por debaixo da micra, cun mínimo impacto térmico sobre a peza de traballo.

Ademais, o sistema láser desenvolvido contará cun sistema óptico de inspección integrado para o monitoreo e control en liña do proceso de texturizado láser, o que permitirá detectar desviacións das texturas xeradas con respecto ao caso ideal e corrixir os parámetros de proceso necesarios durante o propio proceso de fabricación. O Centro Tecnolóxico Aimen encaragarase do desenvolvemento do sistema óptico de inspección, e ademais porá a disposición do proxecto os equipos láser dispoñibles nos seus laboratorios para o texturizado superficial de materiais, así como o seu coñecemento na xeración de texturas funcionais. O desenvolvemento de Prometheus permitirá ao centro tecnolóxico galego impulsar as súas las de investigación en texturizado láser superficial e monitorización/control de procesos láser, consolidando a bagaxe acumulada polo centro a nivel europeo durante os últimos anos.

Socios

O proxecto conta con catro socios, líderes nos seus respectivos sectores industriais como usuarios finais da tecnoloxía desenvolvida. En particular pertencen aos sectores de bens de consumo, electrodomésticos e automoción. Johnson & Johnson, líder no primeiro deles, empregará esta tecnoloxía para a xeración de texturas oleofóbicas nos envases plásticos dos seus produtos, o que lle permitirá mellorar a súa enchedura e a extracción do produto por parte do cliente. Arcelik, fabricante de electrodomésticos, aplicará a tecnoloxía para xerar texturas hidrofóbicas en pezas de lavalouzas e secadoras, reducindo así o consumo enerxético destes aparellos. Como representantes da industria automobilística se atopan as empresas CRF e Maier. A primeira busca modificar as propiedades tribolóxicas dos seus produtos para reducir a súa fricción, mentres que Maier quere xerar texturas superhidrófobas na superficie de parachoques cromados para dotarlles con propiedades de autolimpeza.

Cos avances que porá en marcha o proxecto Prometheus estímase que se crearán máis de mil postos de traballo e se espera acadar unha redución no consumo eléctrico de electrodomésticos de 32,76 GWh, así como reducir o consumo de combustibles en 257 millóns de litros ao ano.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)