Primeiro curso de Posgrao en Desenvolvemento de Software e Negocio Dixital
O Clúster TIC, a Universidade de Vigo e Imatia impulsan esta iniciativa, que está dirixida a graduados do ámbito empresarial, ademais de carreiras técnicas e profesionais das TIC en activo. Comezará o 30 de setembro e terá unha duración de nove meses.
O novo curso, que ten como obxectivo abrir as portas do sector tecnolóxico a estudantes e profesionais alleos ao sector TIC a través de formación práctica nas empresas, sen necesidade de coñecementos informáticos previos, capacitará tecnicamente aos alumnos en competencias, habilidades e ferramentas tecnolóxicas, así como no dominio de metodoloxías de liderado e de negocio, aplicables no desenvolvemento da actividade práctica empresarial. Ofrece unha formación multidisciplinar e saídas laborais en perfís técnicos (desenvolvemento de software, técnicos de soporte, control de calidade, etc), consultoría (transformación dixital, análise funcional, industria 4.0, etc), desenvolvemento de negocio (marketing e vendas para produtos tecnolóxicos), xestión (xestión de equipos, Scrum Master, responsable de produto…) e emprendemento (e-commerce, aplicacións empresariais, servizos de desenvolvemento TIC, etc).
O período formativo contemplará clases prácticas na Universidade de Vigo ou en remoto dende outras ubicacións, en horario de luns a xoves, de 16 a 19 horas, e seis meses de formación e traballo remunerado en empresas galegas –de luns a venres, de 9 a 14 horas–, onde os participantes aprenderán a desenvolver proxectos e solución reais.
Con este posgrao, o Cluster TIC, Imatia e a Univeridade de Vigo pretenden cubrir unha demanda real do mercado, adaptándose as novas necesidades e perfís solicitados polas empresas, contribuíndo así a impulsar un sector en auxe e cunha gran capacidade de empregabilidade –o 55% das empresas demandan este perfil e cada ano hai máis de 100.000 postos vacantes sen cubrir–.
Comentar noticia
Comentarios (0)