Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O CSIC analiza en Galicia o ADN de catro variedades de vide conservadas dende 1802



REDACCIÓN · PUBLICADO O 09 DE AGOSTO DE 2019 · (0)



As prestixiosas revistas científicas American Journal of Enology and Viticulture e Arbor publicaron parte do estudo dirixido por Carmen Martínez, que empregou técnicas ampelográficas e de ADN na análise do herbario conservado no Real Xardín Botánico de Madrid. 



A Misión Biolóxica-CSIC, xunto co INRA-Montpellier, conseguiu analizar o ADN de catro variedades que se conservan no herbario de videis antigo do mundo, o de Simón de Rojas Clemente datado en 1802, e comparalas coas que se cultivan na actualidade para coñecer con exactitude cales sobreviviron ata hoxe. A investigación contribúe a avanzar no coñecemento da historia da viticultura, analizar en profundidade e con datos concretos a influenza da chegada a España e ao resto de Europa de enfermidades da vide completamente descoñecidas no seu momento e que transformaron por completo o devir deste cultivo en todas as rexións vitícolas.

Unha das achegas máis valiosas deste traballo dirixido pola responsable do Grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC), Carmen Martínez, é a posibilidade de identificar mediante ADN follas conservadas dende hai 217 anos. Así mesmo, abre novas vías para coñecer a orixe de variedades de vide autóctonas históricas, un dos eidos de traballo do grupo da MBG-CSIC, e a súa asociación a zonas vitivinícolas concretas.

Os resultados obtidos contan co aval da recente publicación dun artigo na recoñecida revista American Journal of Enology and Viticulture, fundada en 1950 e impulsada pola Sociedade Americana de Enoloxía, e outro nunha revista emblemática como Arbor Ciencia, Pensamiento y Cultura, que edita o propio CSIC dende 1944. Os traballos foron financiados, en parte, polo grupo adegueiro Estévez, que elabora, entre outras, as coñecidas marcas de viño Manzanilla “La Guita” ou Fino “Tío Mateo”.

Un rico legado

A importancia do legado de Simón de Rojas Clemente, que se preserva no Real Xardín Botánico de Madrid, trascende, ademais, porque baseándose no herbario hoxe estudado, é o creador dun método científico e unha disciplina para o estudo e descrición das variedades de vide, que bautizou co nome de ampelografía,e que segue sendo empregado universalmente. A aparición de novas técnicas nos últimos anos, como as desenvolvidas por estes investigadores, que permiten extraer e facer uso de ADN antigo mediante o redeseño de marcadores moleculares coñecidos, converten o herbario de Clemente nunha fonte de material de valor incalculable para diversos estudos xenéticos e tamén botánicos.

“Practicamente todos os parámetros que estableceu Simón de Rojas Clemente no seu método científico continúan utilizándose na actualidade, xa que se recollen no código oficial para a descrición de variedades de vide da Organización Internacional da Vide e o Viño (OIV), da que forman parte 47 países”, explica Carmen Martínez.

Ciencia vitivinícola

O herbario de vide máis antigo do mundo formou parte en 2015 da exposición A Vide, o Viño e o CSIC, dous séculos de investigación”, na que se mostraba a investigación neste ámbito levada a cabo nesta institución dende unha perspectiva científica multidisciplinar, poñendo en evidencia a trascendencia da ciencia vitivinícola como parte da singularidade de España.

O estudo, no que tamén participaron os investigadores do CSIC Pilar Gago, José Luis Santiago, Susana Boso e Mauricio Velayos, realizouse en colaboración con outros investigadores franceses dirixidos polo doutor Boursiquot, e púidose levar a cabo grazas a un MTA (Acordo de Transferencia de Material Vexetal), asinado en 2014 entre os presidentes do CSIC e do INRA-Montpellier, e xestionado pola Vicepresidencia Adxunta de Transferencia do Coñecemento do organismo español (VATC-CSIC). Neste acordo establecíase como proceder cun material patrimonio do Estado español e a limitación de dispoñer tan só de 1 cm2 de cada mostra herborizada para diminuír ao máximo o impacto que supón cortar un anaco do herbario.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)