Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A UDC desenvolverá un programa de formación para mozos con discapacidade intelectual



REDACCIÓN · PUBLICADO O 13 DE AGOSTO DE 2019 · (0)



Está entre as 27 universidades españolas seleccionadas para levar a cabo unha iniciativa impulsada pola Fundación ONCE co apoio do Fondo Social Europeo para acadar o acceso ao emprego deste colectivo.


Desta forma, unha trintena de mozos galegos con discapacidade mellorará o seu perfil profesional para, desta forma, incorporarse ao mercado laboral, grazas a un curso que conleva tamén prácticas laborais en terceiras entidades. A iniciativa, que ten lugar por terceiro ano consecutivo, está dirixida a todas as universidades españolas e centros adscritos.

En concreto, as universidades seleccionadas son as madrileñas de Alcalá de Henares, Camilo José Cela, CEU San Pablo, Rey Juan Carlos e Politécnica; as andaluzas de Almería, Granada, Xaén, Málaga, Huelva e Pablo de Olavide en Sevilla; ademais das universidades de Barcelona e Xirona, Burgos e Salamanca, de Cantabria, Castela-A Mancha, Estremadura, A Coruña, Murcia, Pública de Navarra, Rovira i Virgili en Tarragona,e as universidades da Rioxa, Alicante, Valencia e Miguel Hernández, de Elxe.

O obxectivo principal do programa é implicar ás universidades, como axentes decisivos na inclusión social, na formación de mozos con discapacidade intelectual, cuxo acceso á educación superior resulta aínda insignificante. Actualmente non hai datos estatísticos de persoas con discapacidade intelectual na educación superior e a súa presenza limítase a casos illados. A nivel global, as persoas con discapacidade só están representadas nun 1,7% nos estudos universitarios de grao e a porcentaxe é aínda inferior cando falamos de estudantes de máster, posgraos ou doutorados. Só entre o 5% e o 6% das persoas con discapacidade teñen estudos universitarios hoxe en España, a pesar de que a Estratexia Europea 2020 fala dun horizonte do 40%.

Segunda edición

Na segunda edición desta iniciativa participaron un total de 21 universidades, grazas ao que 328 mozos con discapacidade intelectual puideron graduarse nos distintos títulos propios que puxeron en marcha as entidades académicas. Fundación ONCE quere así lograr a inclusión social por medio da formación e o emprego deste colectivo. Dentro del, estes mozos representan un grupo con especiais dificultades de inserción laboral debido ao seu baixo nivel formativo, polo que é precisa a realización de actuacións concretas para inverter esta situación e mellorar a súa empregabilidade.

Diversas investigacións poñen en evidencia que a formación de persoas con discapacidade intelectual na contorna universitaria en competencias profesionais xerais, contando cunha titulación emitida pola universidade, incide positivamente na súa inserción laboral en diferentes sectores empresariais e supón un crecemento mutuo para o alumnado con e sen discapacidade.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)