Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Mulleres de Seu leva o seu proxecto ao Parlamento de Galicia



REDACCIÓN · PUBLICADO O 09 DE SETEMBRO DE 2019 · (0)



Unha delegación das socias de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) tivo a oportunidade de expoñerlle de primeira man ao presidente da cámara autonómiva, Miguel Ángel Santalices, os retos e accións que están a levar a cabo este grupo de mulleres.


Ademais do presidente do Parlamento de Galicia, o grupo para o apoderamento feminino no ámbito cooperativo tamén expuxo as súas propostas a representantes da Comisión 7ª, de Agricultura, Gandaría e Montes, e da Comisión non Permanente de Estudo para a Igualdade e para os Dereitos das Mulleres. Durante a visita, Mulleres de Seu tamén asistiu a unha explicación das funcións, organización e composición dos órganos da cámara galega ao longo do percorrido polas principais salas do Pazo do Hórreo.

A coordinadora do grupo e vicepresidenta de CLUN, Carmen Rodríguez, trasladou o agradecemento pola recepción, a oportunidade “gratificante” de coñecer in situ o funcionamento e composición deste órgano de gran relevancia institucional. En relación co seu grupo, Rodríguez asegurou seguir traballando por “consolidar esta iniciativa coa que buscamos a nosa capacitación profesional como empresarias e gandeiras, a formación técnica e emocional, a dignificación do noso papel no ámbito rural e o apoderamento feminino a través da participación na cooperativa e nos órganos de xestión”. “Xuntas queremos contribuír a crear un rural vivo e activo aproveitando todo o talento a través da igualdade de oportunidades”, engadiu.

Fomentar o apoderamento feminino, o desenvolvemento profesional e o liderado das mulleres, dignificando o seu papel no ámbito rural, é o obxectivo desta iniciativa nada no ano 2013. Premiada recentemente pola Xunta coa Medalla Emilia Pardo Bazán e a través de Agader, e por Cooperativas Agroalimentarias de España, Mulleres de Seu foi madurando nos últimos anos e é unha das liñas prioritarias das políticas de responsabilidade social empresarial de CLUN para os vindeiros exercicios.

Un intenso labor

O grupo reuniu ata a actualidade ás súas socias en máis dunha vintena de accións formativas, talleres e outras xornadas de traballo motivacionais e enfocadas ao manexo das novas tecnoloxías TIC como ferramenta de valor para o emprendemento. Mulleres de Seu segue desenvolvendo o plan de traballo 2019-2020 cun calendario que contempla sesións de formación técnica de xestión, cursos de inseminación e de poda, xornadas informativas sobre hábitos de vida saudables, colaboracións institucionais como a desenvolvida co Concello de Mazaricos polo Día Internacional da Muller ou reunións de traballo como a celebrada coa Cooperativa Campo Astur.

A planificación incide naqueles aspectos máis demandados polas socias da cooperativa. Un comité de traballo, formado por 15 socias representativas das tres cooperativas, é o responsable hoxe en día de coordinar os proxectos deste grupo adecuándoos ás necesidades das tres principais áreas de influencia de CLUN (Ames, Ribadeo e Melide) e ás demandas de todas e cada unha das súas socias.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)