Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Un equipo do CHUS gaña o I Premio Ramiro Carregal de enfermidades valvulares cardíacas



REDACCIÓN · PUBLICADO O 01 DE OUTUBRO DE 2019 · (0)



O premio, dotado con 20.000 euros, suporá unha importante axuda para o proxecto presentado polo equipo que lidera Diego López Otero, do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS). A entrega do galardón terá lugar o día 15 deste mes. 


O Xurado do Premio tivo en conta á hora de valorar os traballos presentados a calidade científico-técnica e de viabilidade da proposta e a relevancia científico-técnica dos obxectivos expostos. Tamén se valorou o currículo tanto do investigador principal como do propio grupo e as súas publicacións. En base a todo isto obtivo a maior puntuación o proxecto de Diego López.

Este galardón naceu ao amparo do acordo asinado o pasado outono entre o presidente de Frinsa, Ramiro Carregal, e os responsables da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (Fidis), Eloína Núñez e o Dr. José Ramón González Juanatey, xefe do Grupo de Investigación en Cardioloxía do IDIS.

O Dr. Juanatey, catedrático e xefe de Servizo de Cardioloǵa e UCC do CHUS, destaca a necesidade de investigar as patoloxías que afectan as válvulas do corazón “que supoñen xa a terceira causa de enfermidade cardíaca”. Segundo indicou na presentación do Premio, estas patoloxías están moi ligadas ao envellecemento –especialmente a estenose aórtica–, polo que supoñen “un auténtico problema de saúde” para a nosa sociedade.

Precisamente o traballo premiado ten como obxectivo principal “coñecer o impacto prognóstico, en termos de mortalidade e regresión, da causa funcional que produce a amiloidose cardíaca sobre os pacientes con estenose aórtica severa aos que se lles implanta unha prótese aórtica percutánea (TAVI)”. Segundo indica Diego López na súa proposta, “crese que entre un 15 e un 30 % dos pacientes tratados con TAVI presentan tamén amiloidose cardíaca, a maioría sen diagnosticar”, o que conleva numerosos prexuízos tanto para o propio sistema sanitario como para o paciente.

Con todo hai dous factores que poderían cambiar completamente esta situación: as innovacións actuais que permiten un diagnóstico sinxelo da amiloidose e “resultados esperanzadores cun primeiro tratamento que pronto estará dispoñible para esta enfermidade”, asegura Diego López na súa proposta para “identificar a prevalencia exacta da amiloidose cardíaca nesta poboación, así como determinar as implicacións prognósticas que ten”. De confirmarse a alta prevalencia sospeitada, indica o investigador, “sería interesante o cribado da amiloidose cardíaca nos pacientes sometidos a TAVI para optimizar as indicacións así como para poder ofrecerlles as futuras terapias que se están desenvolvendo”.

Xurado

Ademais do empresario e mecenas Ramiro Carregal, que é presidente de Honra do Xurado, e o Dr. Juanatey, presidente executivo, forman parte do Tribunal o Dr. Borja Ibáñez, xefe de grupo no recén creado CIBER de enfermidades cardiovasculares e cardiólogo no Hospital Universitario Fundación Jiménez Díaz; o Dr. Pedro Luis Sánchez, xefe de Cardioloxía do Hospital Universitario de Salamanca; o Dr. José Luis Ferreiro, cardiologo do Hospital Universitario de Bellvitge e director do Laboratorio de Investigación Cardiovascular do Idibell e a Dra. Almudena Castro, coordinadora da unidade de Prevención e Rehabilitación de Cardioloxía no Hospital Universitario La Paz e presidenta da sección de Risco Vascular e Rehabilitación cardíaca da Sociedade Española de Cardioloxía.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)