Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Defensa da investigación e da sanidade pública na entrega do Premio Ramiro Carregal de Cardioloxía



REDACCIÓN · PUBLICADO O 16 DE OUTUBRO DE 2019 · (0)



O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo presidiu este martes en Santiago a entrega do Premio Internacional Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía, un galardón que recaeu nesta primeira edición no proxecto presentado polo equipo que lidera Diego López Otero, do CHUS.


O Dr. Diego López recolleu o galardón de mans do presidente de honra do Xurado, o empresario e mecenas Ramiro Carregal quen, unha vez máis, animou “a toda a sociedade, e especialmente ao empresariado galego” a investir en investigación e en todos aqueles proxectos que axudan a construír unha “sociedade mellor para todas as persoas”. 

Acompañando o premiado estaba tamén a presidenta do padroado da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (Fidis), Eloína Núñez, quen agradeceu o apoio do empresario e felicitou o grupo premiado, un recoñecemento que fixo extensivo a todo o equipo de Cardioloxía do CHUS, un referente nacional como o demostran os sucesivos recoñecementos obtidos nos Best  in Class.

Tamén o presidente da Xunta de Galicia fixo mención a estas acreditacións de calidade que este ano recibiron “un total de seis servizos de cardioloxía do Sergas”, entre eles o do CHUS por sexta vez. Así mesmo, destacou o traballo do rexistro galego de infarto de miocardio e lembrou que o labor dos profesionais de cardioloxía do Sistema galego de saúde permitiu realizar o pasado ano un total de 25 transplantes. “E a todos estes logros únese o Premio Ramiro Carregal de investigación en cardioloxía, e concretamente o seu primeiro galardoado, o doutor Diego López Otero”, concluíu o presidente do Goberno galego.

Hospital e Universidade, orgullo de Santiago

O alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, asegurou sentirse honrado de gobernar unha cidade que conta cun hospital como o CHUS e coa Universidade de Santiago. Así mesmo, felicitou o equipo premiado, exemplo dese gran traballo que se está realizando na cidade e destacou o exemplo de Ramiro Carregal pola súa capacidade de traballo pero tamén “polo seu espírito emprendedor e pola aposta constante pola innovación”, dous dos “alicerces” nos que se asenta unha economía competitiva, un obxectivo esencial para poder ofrecer oportunidades ás novas xeracións.  

De sanidade e educación públicas falou na súa intervención o Dr. Juanatey, presidente executivo do Xurado, quen fixo unha defensa sen concesións de ambas as dúas como alicerces esenciais do noso estado de benestar. O catedrático e xefe de Cardioloxía do CHUS incidiu tamén na importancia do apoio á investigación para poder facer fronte a patoloxías que afectan a miles de persoas, como son as cardíacas. Neste aspecto pediu un cambio real para que se recoñeza a actividade investigadora que moitas veces se realiza “con gran sacrificio persoal e sen remuneración económica” a pesar da enorme relevancia que ten para “xerar coñecemento” nun ámbito esencial como é a saúde. 

Investigar unha patoloxía frecuente e en aumento

Así quedou de manifesto durante a intervención do Dr. Diego López, investigador principal do grupo premiado. O Dr. López agradeceu o esforzo do empresario e do Dr. Juanatey, un referente mundial na súa especialidade, por fomentar a investigación ao redor das enfermidades do corazón e especialmente na estenose cardíaca e explicou, nunha breve e didáctica conferencia, que son a estenose e a amiloidose cardíacas, que relación teñen entre elas e como enfrontarse a ambas, unha cuestión de máxima relevancia xa que son patoloxías moi ligadas á idade e o envellecemento da poboación está a provocar un importante incremento das mesmas que irá a máis. 

O 5 % da poboación maior de 80 anos ten patoloxía aórtica e o 20 % destas persoas necesita algún tipo de intervención cirúrxica ou percutánea, polo que é necesario investigar sobre as causas, a prevención, o diagnóstico e o tratamento destas patoloxías co fin de poder abordalas mellor. 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)