Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Malestar na AVV de Corme pola autorización do parque eólico



REDACCIÓN · PUBLICADO O 31 DE OUTUBRO DE 2019 · (0)



Os propietarios das parcelas denuncian que a Xunta non pode autorizar a levar a cabo esta obra a unha empresa á que poucos días antes impuxera unha sanción grave por incumprimento reiterado dos requerimentos de que foi obxecto para a supervisión do parque eólico de Corme G3.


Ante a información publicada o pasado sábado en La Voz de Galicia na que se facía mención á autorización para as obras de transformación do parque eólico de Corme, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) do día anterior, a Asociación de Veciños Eduardo Pondal de Corme quere expresar o seu máis rotundo malestar polo feito de que a Dirección Xeral de Enerxía e Minas dese vía libre ao desmantelamento das anteriores instalacións sen que se dese unha debida contestación a todos os recursos que se presentaron. Segundo explica esta organización, á empresa que va a acometer estas obras, EDP, impúxoselle recentemente, mediante unha resolución da Xefatura Territorial de Industria da Coruña con data 17/10/2019, unha sanción grave por incumprimento reiterado dos requerimentos de que foi obxecto no marco da supervisión do seguemento ambiental a que estaba obrigada no parque eólico de Corme G-3.

Neste sentido, a Asociación de Veciños pregúntase como unha administración pode fiarse dunha empresa que reiteradamente lle ocultou información, sendo esta a que ten a obriga de velar por que o parque cumpra coa legalidade? “E é que é a propia Administración que uns poucos días antes sancionaba a EDP a que agora lle autoriza que leve a cabo o desmantelamento dunhas instalacións que son a proba do incumprimento”, sinala a asociación nun comunicado remitido hoxe.

O colectivo veciñal, que quere deixar claro que en ningún momento se opón á instalación do parque eólico e amosa o seu total apoio a este tipo de instalacións, sempre que se cumpra a legalidade e non prexudiquen á saúde e ao medio ambiente, manifestan ademais que “gran parte dos propietarios teñen uns contratos en vigor, que a empresa quere botar abaixo, baixo a coacción dun dubidoso proceso expropiatorio impulsado pola Dirección Xeral”.

Segundo explica a asociación, para dar proba da súa boa fe, iniciou unha serie de negociacións coa empresa EDP, nas que “curiosamente se personou como mediador o director xeral de Enerxía, Ángel Bernardo Tahoces, que garantiu os acordos acadados polas partes no seu propio despacho en San Caetano, todo elo dentro do marco legalmente establecido”.

Incumprimento

Sen embargo, os propietarios quéixanse de que a empresa non cumpriu a súa parte, mentres que os veciños si cumpriran o acordado quitando os recursos que presentaran contra o parque. Así, á vista de que a outra parte non respectou o acordado, deciden agora manter eses recursos, lembrándolle ao director xeral que “el é o garante de que o acordo se cumpra en todos e cada un dos seus puntos”.

Especial malestar prodúcelle a este colectivo veciñal, que asegura estar “composto por xente maior e de moi poucos estudos”, que por parte da Dirección Xeral se proceda a ditar unha resolución administrativa sen permitir que os afectados ou os seus representantes poidan tomar vista do expediente previo á resolución, “vulnerando flagrantemente os seus dereitos constitucionais e a Lei do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas”.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)