Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Convócase nova edición dos Premios de Investigación Oncolóxica Ramiro Carregal



REDACCIÓN · PUBLICADO O 04 DE NOVEMBRO DE 2019 · (0)



O Xurado do Premio Ramiro Carregal de Investigación Oncolóxica acaba de convocar unha nova edición do galardón. Será a novena para o Premio Internacional de Investigación Oncolóxica, Científica e Técnica dotado con 20.000 euros, e a segunda para o Premio a Talentos Emerxentes en Investigación Oncolóxica dotado con 6.000 euros.


O prazo para presentar candidaturas a ambos os premios estará aberto ata o venres 28 de febreiro de 2020 e tanto as bases como toda a información sobre os mesmos pódense consultar na páxina web premioramirocarregal.com/oncologia na que tamén se inclúe o formulario para presentar candidaturas directamente.

O Dr. Rafael López anunciou a nova convocatoria tras a reunión do Xurado que preside, e do que forman parte nesta edición o reitor da Universidade de Santiago de Compostela Antonio López, o decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía Julián Álvarez, os catedráticos do mesmo centro Juan Gestal e Manuel Freire-Garabal, o Dr. Álvaro Rodríguez Lescure como presidente da Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM) e o director territorial de HM Hospitales en Galicia Rafael Silva, ademais do empresario e mecenas Ramiro Carregal, que actúa como presidente de honra do Xurado.

Máis de medio centenar de candidaturas dos máis prestixiosos investigadores oncolóxicos básicos e clínicos de todo o mundo se levan recibido nas oito edicións deste certame pioneiro na nosa comunidade. Unha permanencia que confirma o “compromiso que este empresario mantén coa medicina e coa sociedade galegas”, destacou o Xurado. Ao gran número de candidaturas, súmase o feito de contar “con científicos de numerosos países, especialmente de Europa e América, así como da maioría de comunidades autónomas, entre eles moitos de Galicia”, subliña o Xurado.

Mariano Barbacid, José Baselga, Carlos López-Otín, Eduardo Díaz-Rubio, Guido Kroemer, Luis Paz-Ares, Amparo Cano, Ana Lluch e Pablo Menéndez foron as persoas premiadas ata o momento, aos que o próximo ano uniranse dous novos nomes.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)