Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Un pequeno paraíso para amantes das antigüidades e do 'vintage'



REDACCIÓN · PUBLICADO O 05 DE NOVEMBRO DE 2019 · (0)



A 4ª edición de Antiq Auria reúne esta fin de semana en Expourense a 45 expositores dende o venres (incluído) ata sábado e domingo. Anticuarios de España e Portugal participan presentando obxectos únicos e cheos de historia.


A cita está organizada de forma conxunta entre o recinto feiral e a Asociación “Memoria  Antiga” de Ourense. A entrada custa 2 euros e será gratuíta para menores de 12 anos. Antiq Auria ten un alto índice de fidelidade por parte dos expositores, e volve converterse en punto de encontro de interioristas, amantes do deseño de tódalas épocas, nostálxicos, coleccionistas, curiosos… Haberá unha poxa de máis de 40 obxectos cun prezo de saída de 5 euros.

As antigüidades propiamente ditas (obxectos con máis de 50 anos) inclúen xoguetes, teléfonos, reloxos, mobles, xoias, utensilios de prata e porcelanas. Na sección de coleccionismo poderase atopar numismática, filatelia, obxectos militares e relixiosos. E hai unha área reservada para os afeccionados aos obxectos vintage (segunda metade do século XX), que se converteron nunha moda e nun referente á hora de decorar fogares e negocios.

A principal novidade desta edición será a “gran poxa”: o domingo 10 pola mañá a partir das 12.00. Cada expositor cederá un obxecto para poxar entre o público asistente e cada un deles terá un prezo de saída de 5 euros. “Trátase dunha boa oportunidade para facerse con pezas únicas a moi bo prezo”, explican os organizadores. Ademais, para premiar a fidelidade dos visitantes, sortearase entre todos eles un moble revistero de caoba dos anos 50. Antiq  Auria tamén ofrece a oportunidade aos visitantes de taxar e vender aqueles obxectos antigos que teñan nos seus fogares.

Amor polo bo

Participan nesta feira expositores procedentes de todos os puntos de España e Portugal e tamén de Suíza que adoitan participar nos principais mercados  centroeuropeos de antigüidades. O obxectivo, tal e como indican desde “Memoria  Antiga”, é “poñer en valor o antigo e que a xente conserve e tómelle agarimo ás cousas vellas porque son parte da súa historia”. E promover o hábito de comprar antigüidades. Desde esta entidade, liderada por José Antonio Ferreiro de Antigüidades Urbano e por Gerardo Román de Antigüidades A Quinta, afirman que o mercado de antigüidades en Ourense é todo un referente nacional pola súa calidade e variedade e que hai moita tradición.

O horario de apertura será o venres 8 de novembro de 17.00 a 21.00  h; e o sábado 9 e domingo 10 de 11.00 a 14.30 e de 16.00 a 21.00  h.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)