Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A profesora da UDC Nieves R. Brisaboa recolle o Premio Nacional de Informática “Ángela Ruíz Robles”



REDACCIÓN · PUBLICADO O 06 DE NOVEMBRO DE 2019 · (0)



Comezou como mestra de Educación Especial tras estudar Psicoloxía, pero un xiro na súa carreira levouna a estudar unha Formación Profesional de Informática. Despois matriculouse na carreira de Informática na universidade onde agora dá clases: “Terminei na primeira promoción de estudantes que se formaron aquí. Ben está o que ben acaba”.


A premiada dixo onte na recollida do premio en Madrid que é un “recoñecemento enorme” á súa traxectoria profesional e á de o seu equipo, e sinala: “É de xustiza dicir que foi un premio para o meu laboratorio, en informática non se pode traballar en solitario". No acto estiveron con ela o reitor da Universidade coruñesa, Julio Abalde, o vicerreitor de Política Científica, Salvador Naya; e odecano da Facultade de Informática, Luis Hervella.

O xurado do premio creado pola Sociedad Científica de España e a Fundación BBVA, valorou o seu traballo porque  “permitiu a creación da Biblioteca Virtual Galega, utilizada en colexios de toda Galicia, na que poden verse textos de todos os autores, así como acceder a ficheiros multimedia nos que aparece o autor lendo a súa obra”. En 1996 creou o Laboratorio de Bases de Datos da Universidade da Coruña, e hoxe os integrantes son os encargados das materias de bases de datos.

“A área de xestión de datos fai referencia a todo o relativo ao procesamento de datos: a súa adquisición, o almacenamento, a limpeza, a súa preparación para ser analizado, a súa explotación, a súa visualización... É unha área que estivo sempre omnipresente na informática”, explica a premiada. No seu laboratorio traballan tanto en investigación básica, onde desenvolven estruturas de datos e algoritmos eficientes para o seu procesamento, como en investigación aplicada, creando sistemas de información complexos como datos espazo-temporais.  “Estes son datos de obxectos que se moven, ou que representan mapas ou datos multimedia”.

Outro exemplo que está en uso é o sistema de información territorial da Deputación da Coruña, que desenvolven dende 2000. Como explica, "represéntanse todas as infraestruturas e equipamentos da provincia, e o nivel de detalle é enorme: podes ver o diámetro de cada condución de auga”.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)