Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A presidenta de Adif promete o remate das obras do AVE para finais deste ano ou principios de 2020



REDACCIÓN · PUBLICADO O 07 DE NOVEMBRO DE 2019 · (0)



Un cento de enxeñeiros de camiños participaron onte nunha xornada sobre a situación actual da alta velocidade en Galicia, na que Isabel Pardo de Vera asegurou que se traballa a pleno rendemento co obxectivo de rematar as obras a finais de 2019 ou principios de 2020.


Organizada polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia no Club Financeiro Atlántico da Coruña, a xornada “Situación actual da Alta Velocidade en Galicia” tamén contou coa participación do director xeral de Adif Alta Velocidade, Juan Pablo Villanueva, e o decano do colexio, Enrique Urcola Fernández-Miranda. Entre os puntos que se trataron, falouse dos avances na Liña de Alta Velocidade Madrid-Galicia, unha actuación que reducirá nalgúns casos ata un 50% os tempos de viaxe entre a capital de España e as principais cidades galegas.

Tamén se aproveitou esta charla para tratar os avances nos proxectos de mellora do tramo Ourense-Monforte-Lugo, que levará a alta velocidade á capital lucense. Outro tema que centrou o interese dos máis de cen enxeñeiros de camiños galegos alí presentes foi a situación das diferentes estacións intermodais en desenvolvemento en Galicia.

Xa dentro dun panorama máis xeral aproveitouse a reunión para facer unha valoración da alta velocidade en España, tanto en explotación como en execución, así como da implantación da última xeración do sistema Ertms. Finalmente, a xornada tamén tratou sobre a actividade de Adif, o proceso de liberalización do transporte ferroviario de viaxeiros e os novos modelos de negocio da empresa.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)