Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O impacto do plástico na vida cotiá



REDACCIÓN · PUBLICADO O 22 DE NOVEMBRO DE 2019 · (0)



O experto en lixo mariño Jesús Gago e o actor Xosé Antonio Touriñan participaron onte nun debate organizado por Ucgal en Santiago, co obxectivo de trazar a fórmula máis intelixente de convivir con este material.


Ciencia e humor, esas foron as pezas principais nas que se apoiou o faladoiro “Diálogos de plástico”, unha actividade que a Unión de Consumidores de Galicia (Ucgal) e Mercadona celebraron onte na Sede Afundación da capital galega coa finalidade de debater sobre unha das problemáticas medioambientas que máis preocupan: os plásticos.

O investigador do Instituto Español de Oceanografía e experto en lixo mariño Jesús Gago e o recoñecido actor galego Xosé Antonio Touriñán foron os protagonistas desta conversa, mediada polo divulgador científico Manuel Vicente, director e presentador do programa Efervesciencia da Radio Galega.

Durante a hora que durou o faladoiro se abordaron varias das cuestións máis relevantes vinculadas ao uso dos plásticos na vida cotiá. Dende a súa presenza nos produtos que se consomen diariamente, que facer con aqueles que son dun só uso, o sistema de envases retornables, os microplásticos ou a reciclaxe, ata a contaminación dos mares e dos océanos a causa deste material, foron os temas tratados dende a óptica dun estudoso na materia como Gago e a visión da persoa de a pé por parte de Touriñán.

Dun xeito distendido e divertido convidóuselle ao público a reflexionar sobre esta problemática e as accións que poden levar a cabo para mudar a situación, mantendo sempre presente o principal propósito: trazar a fórmula máis intelixente de convivir cos plásticos. O faladoiro “Diálogos de plástico” foi moi ben acollido polos asistentes e poderá gozarse de novo o vindeiro mércores no programa Efervesciencia, que emitirá parte do contido.

Esta actividade enmárcase no compromiso que a Ucgal e Mercadona adquiren coa defensa e difusión dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) e o fomento da educación ambiental e científica. Para a súa posta en marcha contouse coa colaboración do programa Efervesciencia da Radio Galega e o Instituto Español de Oceanografía.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)