Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Agrobiotech Fest reúne na Tecnópole a 250 axentes da alimentación, da biotecnoloxía e da biomasa



REDACCIÓN · PUBLICADO O 22 DE NOVEMBRO DE 2019 · (0)



As 21 iniciativas que participaron nas dúas edicións anteriores desta cita ourensá colocaron máis de 50 novos produtos no mercado, aumentaron facturación e crearon máis de 70 empregos. As novas tendencias protagonizaron as mesas sectoriais da mañá, nas que participaron Leche Pascual, Capsa, Biochemize e Grupo Natac. A cita segue toda a tarde.


O Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole é o espazo para compartir coñecemento e contactos comerciais nun evento bienal parte deste programa de aceleración que chegou á terceira edición cun formato renovado. A sesión da tarde estase a centrar nos combates dialécticos nos que representantes de empresas destacadas defenderán por parellas enfoques diferentes.

A alimentación do futuro definiuse con base a tres atributos: saudable, sustentable e personalizada. Ademais, fíxose referencia aos nootrópicos, os cannabicos e os postbióticos como os produtos emerxentes dos que máis se oirá falar a curto prazo. Sobre as demandas dos consumidores apuntouse que lles importa o produto, pero tamén como se fai, cunha esixencia crecente a nivel de sustentabilidade, respecto ao medio ambiente e aprovisionamento local. Polo que respecta aos envases, o consumidor premia que sexan biodegradables, reciclables e co mínimo compoñente de plástico.

A biotecnoloxía foi presentada como a tecnoloxía máis antiga coñecida polo ser humano, xunto coa metalurxia, aínda que a súa aplicación a nivel industrial é recente e será no futuro cando se despreguen as súas grandes potencialidades.

Bioeconomía

Neste ámbito, presentouse o proxecto Valor Nature, no que o CIS Madeira colabora co CTAG, GAIN e o Pólo de Inovação em Engenharia de Polímeros para usar residuos forestais en composites para automóbil, mobiliario e arquitectura, naval e aeronáutica. Tamén se incidiu na potencialidade que as fibras da celulosa teñen no mercado da moda, que hoxe supón o 6,6% do total pero que aumentarán no futuro, polo que convén garantir a súa procedencia para que sexa sustentable.

Este ano, no ámbito da agroalimentación participaron Dayrilac, Orballo, Hifas da Terra e Tastelab. Do sector biotecnolóxico, Cifga, AmsLab, Software 4 Science Developments, Nasasbiotech e Celtalga. Do ámbito da biomasa, Mosquera Villavidal, Horticultura Hidropónica e Ibérica de Esponjas Vegetales. Todas amosaron produtos en stands ao longo da xornada. O control de calidade de produtos téxtiles, alimentarios e biomédicos; o descubrimento de fármacos; as novas abordaxes do cancro mediante a biopsia líquida; a obtención de biotoxinas e extractos de algas; o cultivo hidropónico de hortalizas; a fabricación de derivados lácteos de alto valor engadido; a produción de alimentos deshidratados; a tecnoloxía de intelixencia sensorial para a realización de catas; novos sistemas de control de calidade dos pellets; esponxas vexetais; e nutracéuticos obtidos de fungos cultivados sobre madeira protagonizaron os seus stands.

Os "combates"

Nueva Pescanova, Finsa, Cooperativas Lácteas Unidas (Clun), Cafés Candelas, Galchimia, Quescrem, Bialactis, Ecoplas, Qubiotech e Real Conservera Española enfróntase esta tarde en cinco combates sobre a innovación na grande empresa versus na peme, o financiamento mediante capital risco contra o procedente de business angels, a internacionalización fronte á consolidación no mercado local, os produtos gourmet versus os alimentos funcionais e a I+D interna e a colaboración entre empresas.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)