Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Meles de etiqueta



REDACCIÓN · PUBLICADO O 27 DE NOVEMBRO DE 2019 · (0)



32 meles pertencentes a 20 industrias envasadoras, compiten hoxe na 18ª edición das Catas dos Meles de Galicia. Un panel de cata formado por sete expertos profesionais será o encargado de elixir, totalmente a cegas, os mellores meles da comunidade para 2019.


O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Compostela de Lamas de Abade, en Santiago de Compostela, acolle hoxe esta cata, un certame que ten como finalidade premiar o saber facer e a dedicación dos apicultores e envasadores galegos, así como a excelente calidade dos meles autóctonos. Entre as 9.00 horas e as 17.00 horas, 32 meles acollidos á Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia compiten por erixirse os mellores da comunidade autónoma.

A Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), da Consellería de Medio Rural, en colaboración co Consello Regulador da IXP Mel de Galicia, convocan este certamen, que procura distinguir e poñer o acento na extraordinaria calidade dun dos produtos máis tradicionais do agro galego. Sete expertos en análise sensorial procedentes de centros tecnolóxicos e científicos agroalimentarios, consellos reguladores, restauración e medios de comunicación, serán os encargados de elixir mediante o sistema de cata a cegas os meles galardoados, tras unha precata de selección inicial que se celebra dende as 9.30 horas e unha cata final prevista para as 16.00 horas.

Cómpre lembrar que estamos falando do consello regulador de España que maior cantidade de mel certifica e o único con panel de cata propio. De feito, son catro os representantes deste cadro os que participan en calidade de expertos, aos que se suman outros nomes coñecidos e reputados como é o da coordinadora académica do Grao de Nutrición Humana e Dietética da Universidade Isabel I e membro do grupo de análises sensorial da IHC (International Honey Commission), Ana Pascual Maté. Completando o panel, dous rostros célebres da televisión nacional, ligados ao universo apícola e ao ámbito da gastronomía: o actor Avelino Gónzález e a finalista de MasterChef Teresa Abalde.

Entrega dos premios

Á súa análise sométense as mostras participantes, entre as que se establecen dúas categorías: meles monoflorais e multiflorais. De cada unha delas, a través de esta cata-concurso, designaranse as distincións Oro, Prata e Bronce, que se entregarán en decembro durante a gala das Catas de Galicia 2019: XXII Cata dos Queixos e XVIII Cata dos Meles.

Este mesmo procedemento terá continuidade nos dous días posteriores coa cata dos queixos, que contará con 12 expertos e máis de 60 mostras en competición, procedentes das catro denominacións de orixe galegas: Arzúa-Ulloa, Queixo Tetilla, Cebreiro e San Simón da Costa.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)