Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O Consello Social da UDC convoca os seus Premios 2019/2020



REDACCIÓN · PUBLICADO O 27 DE NOVEMBRO DE 2019 · (0)



Os galardóns teñen por obxectivo recoñecer o labor dos grupos de investigación, alumnos e empresas que contribúen de xeito exemplar ao fomento da innovación, o emprendemento, a internacionalización e a posta en valor do coñecemento.


O Consello Social da Universidade da Coruña outorga estes premios en tres categorías: Premio Impulso UDC, dirixido a grupos de investigación da UDC; Premio Confianza UDC, dirixido a empresas, e Premio Emprende UDC, dirixido a estudantes da UDC. O prazo de presentación das candidaturas remata o 30 de abril de 2020, e tramitarase a través da páxina web premiosconsellosocial.udc.es. Só se poderá presentar unha candidatura por persoa ou entidade. Por outra banda, aquelas persoas ou entidades galardoadas en anteriores edicións non poderán participar nesta convocatoria.

O Premio Impulso UDC concedese ao grupo de investigación da UDC máis competitivo nos ámbitos da investigación, da transferencia de coñecemento, a obtención de financiamento e a contribución á internacionalización da universidade. Esta categoría estará establecida en dúas modalidades: Ciencia e Tecnoloxía, e Ciencias Sociais, Xurídicas e Humanidades, co fin de recoñecer o labor de diferentes grupos de investigación competitivos en diferentes eidos de coñecemento. Poderán ser beneficiarios deste premio os grupos de investigación inscritos no Catálogo de Investigación da UDC na data de apertura do prazo para a presentación de candidaturas aos Premios, o 31 de outubro de 2019.

O Premio Confianza UDC outórgase ás empresas implicadas singularmente no fomento e/ou desenvolvemento de proxectos e iniciativas innovadoras en colaboración coa UDC nos eidos da docencia, a extensión universitaria e a I+D+i. Poderán optar a este galardón as entidades privadas con personalidade xurídica propia que colaborasen coa UDC ou calquera dos seus institutos, departamentos, grupos de investigación ou servizos.

O Premio Emprende UDC concédese a aqueles estudantes e titulados da UDC como forma de recoñecemento á mellor idea emprendedora. Os solicitantes deberán ser equipos multidisciplinares integrados por titulados na UDC ou estudantes matriculados nalgunha titulación impartida pola UDC na data de presentación de solicitudes.

Os premiados serán galardoados con 3.000 euros nas categorías Impulso UDC e Emprende UDC, mentres que o Premio Confianza UDC será o financiamento dunha campaña de comunicación cun importe máximo de 3.000 euros.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)