Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O Cpeig aposta pola continuidade



REDACCIÓN · PUBLICADO O 28 DE NOVEMBRO DE 2019 · (0)



Renova a súa Xunta de Goberno cun equipo liderado por Fernando Suárez, o seu presidente dende que o colexio foi fundado hai 12 anos. O pasado sábado constituíuse a nova directiva nun proceso electoral no que só houbo unha candidatura que se proclamou electa.


A regulación profesional, a colaboración con administracións públicas, universidades e empresas privadas, o fomento das vocacións tecnolóxicas entre os máis novos, especialmente entre as rapazas, son as súas principais liñas de traballo da nova Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (Cpeig), que queda composta, ademais de polo seu presidente, por Susana Ladra, vicepresidenta; Juan José González, secretario; Roberto Vieito, vicesecretario; Francisco Javier Rodríguez, tesoureiro; Lorena Otero, vicetesoureira, e por Pilar López Avendaño, José Manuel Vázquez e Iván Luis Vázquez, como vogais.

O obxectivo principal para os vindeiros catro anos será continuar traballando na regulación profesional, dado o crecente impacto da actividade da enxeñaría en informática na sociedade actual, facendo especial fincapé nas áreas nas que a seguridade física e xurídica das persoas está en xogo. Ademais, outras liñas da nova Xunta de Goberno do Cpeig serán seguir colaborando coas administracións públicas para a modernización da xestión administrativa, como acontece coa organización anual do Curso Superior de Administración Electrónica coa Amtega e a EGAP, e soster a colaboración co sector privado para o progreso e dixitalización de produtos e procesos

Na súa axenda tamén se marca como obxectivo incentivar a colaboración coas universidades na adaptación e actualización dos plans de estudo, segundo a demanda actual do mercado laboral en materia das TIC; fomentar as vocacións tecnolóxicas entre os máis novos, en especial entre as rapazas, organizando obradoiros formativos como os que forman parte do programa TechKids posto en marcha coa Amtega, ou as diversas xornadas que se programan con motivo do Día das Rapazas nas TIC; manter ao colexio como fonte informativa para as noticias tecnolóxicas nos medios de comunicación, e mellorar a presenza e utilización da lingua galega no uso de Internet e redes sociais.

Ademais, na xornada do sábado celebrouse a despedida dos dous compañeiros saíntes da anterior directiva, Juan Otero, que desempeñou o cargo de vicepresidente, e Javier García Tobío, que exerceu estes últimos anos como vogal.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)