Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

CEG e sindicatos apostan pola mediación e a arbitraxe



REDACCIÓN · PUBLICADO O 29 DE NOVEMBRO DE 2019 · (0)



A patronal galega, GIG, UGT e CCOO asinaron onte á tarde no Consello Galego de Relacións Laborais un novo texto do Acordo Interprofesional sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA) para abrir unha nova vía de resolución extraxudicial de conflitos individuais.


Antonio Fontenla Ramil, representante da Xunta de Vicepresidentes da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), e os secretarios xerais de CIG, UGT-Galicia e CCOO de Galicia, Paulo Carril Vázquez, José Antonio Gómez Gómez e Ramón Sarmiento Solla, respectivamente, foron os encargados de asinar este acordo, co que se dá cumprimento ás conclusións do XVII Encontro Galego de Relacións Laborais celebrado en Santiago de Compostela en outubro de 2018.

Tras a sinatura deste acordo Fontenla sinalou que “foi a utilidade, sobradamente acreditada, da xestión dos conflitos colectivos no eido laboral a través do contido do primeiro AGA o que serviu de base para acadar este consenso por parte das organizacións que conformamos o consello”. Neste sentido manifestou a satisfacción da organización á que representa por “esta ampliación do ámbito funcional do AGA, que reafirma a nosa aposta decidida polo seu fortalecemento como un sistema áxil e eficaz en aras de facilitar a solución de conflitos no ámbito das relacións laborais”.

Además, o representante da patronal galega asegurou que, con esta sinatura, “se renova o exercicio de responsabilidade e de confianza nos mecanismos autónomos e de autocomposición dos conflitos de traballo, como unha ferramenta posta a disposición das persoas traballadoras e empresas, que aforra importantes custos de xestión nos conflitos laborais, reduce tempos de negociación e impulsa o carácter pioneiro e renovador do primeiro texto do AGA asinado en 1992”.

Finalmente, Fontenla recoñeceu que “quedan moitas tarefas que levar a cabo para a posta en marcha do novo procedemento, como a necesidade de ampliar o número de persoas dispoñibles para o desenvolvemento das funcións de mediación e conciliación, incidindo na súa axeitada formación, pero son pasos que se irán dando nas próximas datas”.

Anos de traballo

Pola súa banda, para o secretario xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Ramón Sarmiento, a renovación e ampliación do AGA “culmina anos de traballo conxunto e a arela colectiva de estender as bondades da mediación aos conflitos laborais individuais”. Segundo explicou, o AGA é hoxe “a imprescindible ferramenta para avanzar na modernización e mellora das relacións laborais en Galicia”, e a mediación voluntaria supón unha “expresión de respecto mutuo”, pero tamén “a vontade, tan necesaria nestes tempos, de innovar no ámbito das relacións laborais” para axudar a resolver un conflito.

Por último, Sarmiento apuntou que “é tempo” de asumir o reto de ampliar a cobertura dos acordos intersectoriais a outros temas de intervención, nomeadamente a interacción das novas tecnoloxías co mundo laboral e a súa afectación en ámbitos como a formación, o dereito á intimidade, a desconexión dixital ou a dotación de seguridade convencional e xurídica ao traballo en plataformas dixitais”. “Estas transformacións globais impactan na economía, na organización produtiva e nas condicións de traballo, e demandan unha reacción normativa”, concluiu o secretario xeral de CCOO.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)