Erimsa recibe dous premios europeos polas boas prácticas ambientais e a seguridade
As dúas candidaturas eran parte de 53 correspondentes a compañías de 13 países. Son senllos primeiros en dúas categorías: boas prácticas ambientais na comarca de Ordes (A Coruña) e saúde e seguridade laboral en Castelo (Pontevedra).
Foi a propia Federación Española de Áridos, a que previamente premiara a Erimsa por estes dous proxectos e quen presentou as candidaturas en Bruxelas. A FDA é a máis representativa do sector xa que aglutina a preto de 700 compañías nacionais e internacionais e a 1.100 explotacións de áridos en España.
 11.42.28.png)
O obxectivo dos recoñecementos da Asociación Europea de Áridos – UEPG entregados o día 20 é mostrar o compromiso deste sector cos altos estándares para a preservación da contorna implementando boas prácticas ambientais. Tamén a preocupación pola seguridade e saúde dos traballadores, pola contribución económica, a comunicación e a biodiversidade. Os Premios Europeos de Desenvolvemento Sustentable da UEPG foron entregados nun acto en Bruxelas.
“Ambos os galardóns supoñen un importante respaldo á minería sustentable que pon en práctica a compañía”, afirma dende Erimsa, “na que destaca o método de cribado de terreo que se aplica na comarca de Ordes desde fai máis de trinta anos sen ningún tipo de incidencia. O sistema permite compaxinar o labor da empresa coas actividades económicas tradicionais da zona: agrícola, gandeira e forestal”. O labor execútase en paralelo á restauración dos terreos. O primeiro paso é a roza da vexetación, escavación e provisión temporal desta materia. A continuación, a extracción e o cribado do cuarzo. Finalmente, énchese o oco de explotación, esténdese a terra vexetal e recupérase o uso habitual. A empresa renuncia expresamente ao seu dereito de expropiación e sempre traballa en réxime de aluguer pactando previamente as condicións económicas cos propietarios.
Erimsa conta con catro centros de produción en Galicia e Castela e León, onde traballa coa filosofía de Accidentes 0. A compañía apunta a que conta cun protocolo de actuación interno no que están fixados procedementos, “que son auditados externamente, asegurando o cumprimento tanto da lexislación vixente como da política preventiva”.
Comentarios (0)