Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

25 anos de compromiso coa Área Empresarial do Tambre



REDACCIÓN · PUBLICADO O 02 DE DECEMBRO DE 2019 · (0)



A asociación distingue a traxectoria de nove empresas asociadas durante ese tempo: Noyamóvil, Cymel, Cograf, Suministros y Afilados, Centro de Investigaciones Submarinas, J.C. Courrier, Alonso Libros, Maderas Ramos Moreira e Suminorte. A homenaxe celebrarase o mércores no salón de actos do Centro Empresarial do Tambre.

A gala, que terá lugar a partir das 20.00 horas, será presentada pola xornalista Paula Pájaro, que fará entrega aos homenaxeados dun pergameo acreditativo e un pequeno agasallo. O evento estará presidido polo presidente de AAET, José Fernández Alborés, e contará coa asistencia de diversas autoridades autonómicas e locais e representantes de asociacións empresariais, como o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o reitor da Universidade de Santiago (USC), Antonio López, entre outras. Ademais, asistirán representantes das nove empresas distinguidas.

A asociación, que este ano celebra o seu 40 aniversario, distingue a capacidade de traballo que, ao menos durante 25 anos, veñen realizando as nove empresas dende as súas naves no Polígono do Tambre. O presidente, José Fernández Alborés, explica que a asociación organiza este acto multitudinario para enxalzar as particularidades e o bo facer de cada empresa, pero sempre destacando os “ingredientes comúns e imprescindibles” para o éxito empresarial que comparten todas as compañías, como son a ilusión, o esforzo e a colaboración.

“As empresas mostran ao longo da súa traxectoria a ilusión por construír, por ver nacer e medrar o seu proxecto e consolidalo ou mesmo transmitilo a outra nova xeración, unha evolución alcanzada grazas a un grande esforzo na procura da competitividade, o mantemento da confianza dos clientes e un afán por innovar e reinventarse ano tras ano”, explica Alborés.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)