Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Os cinco grandes riscos de 2020



REDACCIÓN · PUBLICADO O 02 DE DECEMBRO DE 2019 · (0)



A apertura dun novo fronte na guerra comercial, a incerteza da política comercial, a aterrizaxe descontrolada de China, unha política monetaria errónea ou o prezo do petróleo constitúen os grandes riscos globais de 2020 para Crédito y Caución.


De acordo co último Economic Outlook difundido por Crédito y Caución, a lista de riscos está encabezada pola escalada da guerra comercial. A Administración norteamericana deberá decidir en breve sobre a imposición de aranceis ás importacións de automóbiles e compoñentes por razóns de seguridade, un risco importante que ameaza con abrir un segundo fronte contra a Unión Europea, México e os países asiáticos cun superávit en conta corrente con Estados Unidos. A medida provocaría represalias por parte dos socios comerciais, xerando a segunda escalada importante da guerra comercial en poucos meses.

O aumento da incerteza, que impacta de cheo no comportamento económico das empresas e os fogares, constitúe o segundo gran risco para o crecemento en 2020. Ademais da guerra comercial, esta incerteza, entendida como a dificultade para prever a evolución da política económica, afecta a outros acontecementos como o Brexit ou a crise institucional en Italia.

As dúbidas sobre o crecemento do PIB de China constitúen un terceiro factor desestabilizador da economía mundial. A guerra comercial golpeou ao país asiático nun mal momento. China lidia cos altos niveis de endebedamento das empresas estatais e as administracións locais, e cunha ralentización controlada, mentres transita cara unha economía baseada en máis consumo e menos investimento. Ata agora, as autoridades chinesas enfrontaron a guerra comercial utilizando contrapesos de política monetaria e fiscal e permitindo que a moeda se deprece modestamente. Sen embargo, a guerra comercial aumentou o risco dunha desaceleración do PIB que escape ao control das autoridades e afecte directamente á economía mundial, debido ao tamaño da economía chinesa.

Outra fonte de riscos para o crecemento está no impacto dunha estratexia errónea da Reserva Federal. En decembro de 2018 xa vivimos turbulencias financeiras mundiais provocadas pola forte pegada global das decisións deste organismo.

O posible repunte do prezo do petróleo pecha esta lista de grandes riscos. Na actualidade, as reservas son superiores ao esperado, o que proporciona unha protección contra a volatilidade, como o demostra a rápida recuperación da produción tras os ataques ás instalacións saudíes o pasado verán. Sen embargo, o ataque puxo de relevo as preocupacións que existen en relación cos riscos xeopolíticos en Oriente Medio. Unha escalada das tensións na rexión podería conducir a un repunte do prezo do cru que, de perdurar, reduciría o crecemento do PIB mundial.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)