Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

As casas rurais de Galicia estarán ao 51% de ocupación en Noitevella



REDACCIÓN · PUBLICADO O 30 DE DECEMBRO DE 2019 · (0)



É a segunda comunidade autónoma que menos viaxeiros rurais recibirá en fin de ano, só por diante de Asturias (40%). As casas petfriendly (73%) e con cheminea (75%) son as preferidas polo viaxeiro.


O turismo rural é unha boa opción para celebrar o comezo do ano, aínda que non para todas as comunidades autónomas, como é o caso de Galicia, que se sitúa á cola da ocupación en España para Noitevella cun 51% de ocupación, segundo o portal especializado EscapadaRural.com. A nivel nacional a ocupación acada o 70%, segundo datos extraídos de máis de 9.750 calendarios actualizados de casas rurais rexistradas na plataforma web.

Se nos atenemos aos datos do ano pasado nas mesmas datas, cando o 31 de decembro foi luns e moitos viaxeiros puideron aproveitar a fin de semana para gozar de catro días seguidos de descanso, este ano as cifras de ocupación son lixeiramente inferiores debido a que o último día do ano é martes, o que implica unha necesidade de organización laboral para poder dispoñer de máis días de descanso.

Se nos fixamos no tipo de casa máis demandada, as preferidas polo turista rural volven ser, como é habitual nos meses máis fríos do ano, as que contan con cheminea (75% de ocupación), así como aquelas que aceptan animales, as chamadas petfriendly, (73% de ocupación). Tanto é así que nalgunhas comunidades como Navarra a ocupación de establecementos con cheminea case roza o cheo absoluto cun 91%. En Cataluña, pola súa banda, o 90% de casas petfriendly colgarán o cartel de completas.

As comunidades máis demandadas

O turismo rural de Cataluña volve ser a opción elixida por moitos viaxeiros rurais, tras arrebatarlle a Murcia o liderado que ostentou en 2018. Para estas festas, o 86% das casas rurais de Cataluña estarán ocupadas esta Noitevella. Moi preto atópanse Navarra (84%) e a Comunidade Valenciana (82%), onde o bo tempo acompañará nestas festas. A continuación sitúanse Madrid (82%), Aragón (80%), Murcia (75%) e País Vasco, que presentan un empate técnico con Castela-A Mancha cunha ocupación do 73%, todas elas por riba da media nacional (70%).

Na parte baixa da táboa atópanse Estremadura (54%), Galicia (51%) e Asturias (40%), as únicas comunidades autónomas que non superan o 60% da ocupación. Os temporais vividos nos últimos días explican a preferencia dos viaxeiros por outras zonas da variada xeografía española.

Ao analizar os datos por provincias, Barcelona (92%), Segovia (86%) e Toledo (86%) son as favoritas para pasar a última noite do ano nunha casa rural. Séguelles moi de preto Alicante e Xirona (85%). Lugo (45%), Asturias (40%) e Ourense (34%) perfílanse como as provincias menos solicitadas para o último día de 2019.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)